lunes, 26 de septiembre de 2011

ADEGA dará mañá unha charla sobre o estado da Ría do Burgo e anima á cidadanía a participar na marcha do 2 de outubro

Según nota de prensa, a Asociación ADEGA, como membro da Plataforma pola Defensa da ría do Burgo, vai participar na manifestación do día 2 de Outubro na que se esixirá a Xunta de Galiza e ao goberno do Estado español un plan de rexeneración e saneamento integral da Ría, así como a limpeza dos lodos do fondo do estuario. Esta reivindicación que se vén facendo desde hai anos, volve a reactivarse a través desta marcha que terá lugar un mes despois vertido de 37.000 litros de queroseno no corazón da ría, e sobre o que o colectivo ecoloxista analiza os posibles efectos.  Adxuntamos un documento sobre os efectos do vertido de queroseno.

ADEGA pide a colaboración da cidadanía e a súa asistencia á manifestación para conseguir que os dous gobernos deixen de evadir a súas resopnsabilidades e asuman as súas obrigas establecendo prazos reais para a rexeneración integral da ría, do mesmo xeito que establecen prazos para obras faraónicas do aeroporto de Alvedro  e o outros sen sentido. En ADEGA xa estamos fartos de que os gobernos unha vez ao ano envíen notas á prensa dicindo que xa hai cartos para a rexeneración e de que fagan alarde da toma de acordos que non quedan máis que en lerias entre partidos políticos e en fotos que buscan só votos.


Cremos que a ría non pode esperar máis e esiximos dunha vez por todas un plan de rexeneracíon que non quede na estantería da consellería. A vertedura de queroseno producida o día 2 de setembro forma parte dun longo etcétera de incidentes que leva padecendo ao longo deste século e do pasado a Ría do Burgo. As verteduras máis coñecidas as producidas polos accidentes dos petroleiros Urkiola e Mar Exeo ou as numerosas e repetidas "perdas" da terminal de carga de Repsol. Pero non só está a ser agredida pola contaminación de hidrocarburos: verteduras de augas fecais, (a máis recente delas hai escasos días), os numerosos plásticos que adoitan verse flotando, o constante goteo de aceite de automoción que de seguro chega á ría polos sumidoiros de augas pluviais, os numerosos recheos feitos para a construción dos paseos marítimos e fluviais, etc., forman unha longa restra de atentados ecolóxicos que vén soportando a ría do Burgo.

As Administracións deben devolverlle o explendor  á ría do Burgo e convertela  nunha fonte de ingresos para a comarca, asociando postos de traballo a actividades náuticas, ao marisqueo ou  ao turismo, que nestes tempos de crise tan necesarios son.

CHARLA SOBRE OS EFECTOS DO QUEROSENO NA RÍA
Alexandre García, biólogo mariño e membro de ADEGA, dará mañá martes, 27 de setembro, ás 20:30, unha charla sobre o estado da Ría do Burgo  e sobre as accións a levar a cabo para a súa recuperación, na Asociación de Veciños de Oza- A Gaiteira - Os Castros no local da Asociación (Rúa Mercede, 56 baixo).

No hay comentarios:

Publicar un comentario