martes, 27 de septiembre de 2011

No que vai de ano en Galicia rexistráronse 4.365 lumes forestais que afectaron a un total de 12.702 hectáreas

JUÁREZ SITÚA AS HECTÁREAS QUEIMADAS NO 2011 EN MENOS DA METADE DA MEDIA DA SUPERFICIE AFECTADA NA ÚLTIMA DECADA

O conselleiro do Medio Rural advertiu no Parlamento do alto grao de intencionalidade, dado o incremento na porcentaxe de lumes nocturnos

O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez Casado, compareceu esta mañá no Parlamento de Galicia, a petición propia, para dar conta do balance da campaña de loita contra os incendios forestais. Juárez iniciou a súa intervención destacando o labor realizado polo dispositivo de extinción, que co seu traballo e profesionalidade fixo posible a redución da superficie queimada ata menos da metade da media da última década, primeiro feito destacable do que vai de 2011 que subliñou o conselleiro.

Ao tempo, Juárez referiu o índice estatístico de hora de inicio dos lumes deste ano para poñer de manifesto o incremento de lumes nocturnos respecto do 2010. Lumes –engadiu–que “son se cabe máis perigosos, xa que se dificulta a extinción e se incrementan os riscos para o persoal”. Así, segundo indicou, os índices de lumes nocturnos son un indicativo aceptado do nivel de intencionalidade, “habida conta de que pola noite resulta pouco probable un incendio fortuíto”, sentenciou. De feito, explicou, no mes de abril case o 40% dos lumes forestais rexistrados en Galicia foron nocturnos, en setembro o 38%, e en agosto o 35%. 

Neste mesmo sentido, o conselleiro lembrou que, no que se refire ás causas dos incendios, “desgraciadamente non se aprecia moita variación respecto do que ven sendo a tónica habitual, cunha elevada porcentaxe de lumes provocados, xa sexa con intencionalidade ou como consecuencia de neglixencias”. Referiu así “exemplos claros de actitudes antisociais, como os lumes que afectaron ao concello de Ourense, na parroquia de Vilar de Astrés, nunha área que rexistra reiterados incendios dende hai xa varios anos. Unha zona poboada onde se xeran situacións de perigo para os bens e as persoas, e onde claramente se busca xerar alarma social”.

Pormenores do ano
Como xa ven sendo habitual, Juárez comparece no Parlamento cando está a piques de rematar oficialmente a campaña de alto risco de incendios (finaliza o 30 de setembro), para informar sobre os pormenores que rodearon a campaña e a precampaña. Así, ata o día de hoxe, explicou o conselleiro, en Galicia rexistráronse 4.365 lumes forestais que afectaron a 4.148 hectáreas de arborado e a 8.554 hectáreas de vexetación rasa; é dicir, a un total de 12.702 hectáreas, mentres no ano 2010 nestas mesmas datas arderan 13.976 hectáreas. Así, engadiu, a media dos dez últimos anos sitúase en 26.700 Ha, polo que o 2011 está en menos da metade desa cifra, “concretamente, no 47% da media”.

En canto á distribución dos lumes no territorio, como ven sendo habitual a maior incidencia dáse no sur da Comunidade. Ourense e Pontevedra suman o 65% dos lumes e o 74% da superficie queimada. En concreto, a distribución da superficie por provincias é a seguinte: Ourense: 7.359 Ha, Pontevedra: 2.113 Ha, A Coruña: 1.951 Ha e Lugo: 1.278 Ha.

Se descendemos ao nivel dos distritos forestais, nos que se produciu un maior número de lumes foron, por esta orde, Verín-Viana (co 11% dos lumes e o 15% da superficie); O Condado-Paradanta (7% dos lumes e 5,3% da superficie) e Miño-Arnoia (tamén co 7% dos lumes e o 5,1% da superficie). O distrito menos afectado foi, unha vez máis, a Mariña luguesa con menos do 0,47% dos lumes e o 0,11% da superficie. En canto á comparación con anos anteriores, obsérvase un incremento este ano no número de lumes nos distritos de Verín-Viana, Miño- Arnoia e Deza- Tabeirós, aínda que non se trata de oscilacións moi significativas.

Para enmarcar este balance, Samuel Juárez lembrou as especiais condicións climatolóxicas que rodearon a campaña e a precampaña, significativamente nos meses de abril a xuño, con altas temperaturas, ausencia de precipitacións e ventos do nordés. Un 2011, engadiu, “no que o período de tempo favorable para os lumes ten sido, ata o de agora, moi prolongado; practicamente dende o principio do mes de abril ata o día de hoxe”. En definitiva, un exercicio que definiu como “atípico na distribución dos lumes”, tendo a primavera máis seca dos últimos 50 anos, “con temperaturas anormalmente elevadas sobre todo nos meses de abril e xuño, e un verán marcado pola ausencia de precipitacións”, con grandes variacións xeográficas, principalmente en Ourense e en todo o sur da Comunidade, onde as temperaturas estiveron máis preto dos valores habituais, e no norte foron máis baixas do habitual.
Obxectivos PLADIGA
O cumprimento de todos e cada un dos obxectivos marcados polo Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (PLADIGA) no que vai de 2011 foi tamén detallado na intervención de Samuel Juárez. O citado plan establece unha serie de parámetros a acadar, e que serven para avaliar o desenvolvemento da campaña e a eficacia dos medios de extinción. Neste intre o conselleiro volveu lembrar o decisivo papel do dispositivo de extinción e o seu satisfactorio comportamento á hora de acadar os obxectivos Pladiga, “algo que agradezo aos milleiros de profesionais que o forman”.
O conselleiro iniciou a explicación dos obxectivos cumpridos ata o de agora salientando o feito de que non se produciu en Galicia ningún lume catalogable como Gran Incendio Forestal (GIF) [denominándose así aqueles que superan as 500 hectáreas]. De seguir así, proseguiu, “nesta última década o presente ano sería o único no que non se rexistrou ningún GIF”. Ademais cumpríronse nesta campaña outros obxectivos do PLADIGA, como son que a superficie media por lume non supere as 3 Ha, e que a superficie arborada por lume no sexa de máis de 1 Ha. Son valores esixentes, remarcou Juárez, xa que as medias dos dez últimos anos superan ambos rexistros. Así mesmo, lembrou que tamén se cumpren tódolos demais obxectivos de control: Manter o número de lumes maiores de 25 Ha por debaixo do 2% do total; manter a porcentaxe de lumes menores de 1 Ha por riba do 70%; reducir o número de incendios por debaixo da media dos últimos dez anos e reducir a superficie queimada total respecto da media da década”.

Medidas preventivas, nada excepcional
O conselleiro detallou algunhas das medidas preventivas tomadas nesta precampaña e campaña, coincidindo cos momentos de maior actividade delictiva incendiaria en Galicia, e aclarando que non representan nada excepcional xa que están contemplados no propio PLADIGA.

Así, Juárez explicou que ao longo desta campaña declarouse o nivel 1 en catro ocasións, de maneira preventiva. A activación deste nivel, tal e como se define no PLADIGA, refírese a aqueles incendios que, podendo ser controlados cos propios medios de extinción, se prevé que, pola súa evolución, poidan necesitarse medidas adicionais para a protección de bens que non son os propiamente forestais (estradas, liñas férreas ou eléctricas, edificacións) que se poidan ver ameazados polo lume. De tal xeito que, cando a evolución do lume, ou nalgunhas ocasións mesmo o fume poidan afectar a zonas poboadas ou a bens diferentes dos forestais, decrétase o nivel 1 como medida preventiva e para que as autoridades de protección civil poidan tomar as precaucións que consideren necesarias.

Esta medida preventiva adoptouse este ano en catro ocasións: o 24 de xuño no concello ourensán de Maside, por afectar o fume á visibilidade na rede ferroviaria; dúas veces no concello de Ourense, na parroquia de Vilar de Astrés (os días 12 e 16 de agosto); e o día 13 de agosto en Carballeda de Valdeorras.

En canto á incorporación da Unidade Militar de Emerxencias (UME) aos efectivos de loita contra o lume (como se contempla tamén no PLADIGA), esta se fixo efectiva durante 7 días nesta campaña e precampaña: A última semana de xuño e no mes de agosto no incendio de Carballeda de Valdeorras. Finalmente Juárez aproveitou a súa comparecencia para agradecer tamén aos integrantes desta unidade o seu traballo e esforzo que, xunto coas brigadas da Consellería e os demais medios que traballaron, fixeron posible extinguir todos e cada un deste lumes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario