domingo, 8 de mayo de 2016

TURISMO DE GALICIA LEVA A NAVARRA A EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA ITINERANTE ‘VIA IACOBITANA’

§           A mostra poderase visitar ata o 18 de maio na Casa da Cultura do municipio de Estella – Lizarra

§           Trátase dunha colección de imaxes de fotógrafos galegos que percorreron a Ruta Xacobea para amosar a súa visión particular e as sensacións que lles suxire o Camiño

§           A través destas imaxes, contémplase o Camiño en diferentes épocas do ano, as súas variadas paisaxes e o legado cultural que atesoura

 

Santiago- A Casa da Cultura do municipio de Estella – Lizarra (Navarra) acolle unha exposición fotográfica sobre o Camiño de Santiago, ‘Via Iacobitana’, ata o vindeiro 18 de maio, organizada polo Xacobeo en colaboración con este municipio navarro e a Asociación dos Amigos do Camiño de Santiago de Estella.

 A mostra recolle imaxes de fotógrafos galegos que percorreron a Ruta Xacobea para amosar a súa visión particular e as sensacións que lles suxire o Camiño.

 Todo este traballo forma parte xa do novo legado iconográfico do xacobeo, que perpetua no tempo os instantes do Camiño.

 A través destas imaxes, contémplase o Camiño en diferentes épocas do ano, as súas variadas paisaxes e o legado cultural que atesoura dende a óptica persoal do autor, que lle imprime personalidade.

 Así, coas imaxes propostas na mostra evidénciase a multiforme esencia do Camiño de Santiago, o sentido xeneroso e aberto da peregrinación xacobea, así como, o seu inesgotable poder de atracción.

 A exposición está aberta ao público de martes a venres, en horario de 18:30 a 20:30 horas, os sábados, de 12:00 a 14:00 e de 18:30 a 20:30 horas, e os domingos e festivos, de 12:00 a 14:00 horas.

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario