Mostrando entradas con la etiqueta Ecoloxismo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Ecoloxismo. Mostrar todas las entradas

viernes, 14 de junio de 2013

O PROXECTO RÍOS CELEBRA O IX ENCONTRO DE VOLUNTARIADO

O día 15 de xuño de 2013 celebraremos o IX Encontro de Voluntariado do Proxecto Ríos no
Concello de Rábade (Lugo). Este ano centrarémonos no recoñecemento e identificación dos
mamíferos de ribeira.

Os encontros de voluntariado son o espazo para que os grupos que están a participar presenten as
súas experiencias, tanto relacionadas coas inspeccións como noutros temas que teñan que ver cos
ríos. Trátase en definitiva dunha xornada na que os protagonistas son os/as voluntarios/as do Proxecto
Ríos.
O Proxecto Ríos é un programa de educación e voluntariado ambiental que pretende establecer
redes de cidadáns que realicen traballos de estudo e mellora dos nosos ríos. É unha iniciativa de
ADEGA promovida por Augas de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas
a través do Instituto de Estudos do Territorio. Na realización destes encontros contamos coa
colaboración da Confederación Hidrográfica Miño
Sil, a Asociación Galega de Custodia do Territorio e
a Casa das Ínsuas.

PROGRAMA

10.15 Benvida ao voluntariado.
Oscar Rivas.
Centro de Interpretación Casa da Ínsuas.
Virginia Rodríguez.
Proxecto Ríos.
10.30 Presentación de experiencias do Voluntariado do Proxecto Ríos.
IES Muralla Romana.
Asociación O Fervedoiro.
AGTC (Asociación Galega de Custodia do Territorio).
AEMS Ríos con Vida.
12.00 Mesa redonda: Comunidades de mamíferos de ribeira.
Augusto de Castro.
Profesor do Departamento de Zooloxía do Campus de Lugo.
Rafael Romero.
Responsable das sondaxes de lontra en Galicia. Biólogo.
Jesús Santamarina.
Responsable do LIFE Margal Ulla. Consellería de Medio Ambiente. Xunta de
Galicia.
14.15 Sesión de clausura.
14.30 Xantar popular.
16.30 Roteiro guiado por Rafael Romero para o recoñecemento de rastros e pegadas de mamíferos.
Máis información:
Virginia Rodríguez Álvarez
Coordinadora do Proxecto Ríos
650 261 283
Paco Bañobre
Coordinador de Grupos do Proxecto Ríos
627 628 194

martes, 11 de junio de 2013

Máis de 500 persoas na limpeza simultánea de praias no día dos océanos

Malia ter unha fin de semana máis propia de outubro que de xuño, centos de persoas puxeron os impermeables e achegáronse á costa para limpar os areais de Galiza. Nin a chuvia nin o frío freou a máis de 500 persoas que quixeron facer unha chamada de atención sobre o plástico nos mares. Dende a mañá ata a tardiña as limpezas fóronse desenvolvendo por todo o litoral galego. Houbo centros de ensino, escolas de surf, ONG ecoloxistas, asociacións culturais, asociacións de mulleres rurais e até mergulladores. Todas e todos tiñan o mesmo fin: limpar a praia e crear conciencia.
Recolléronse máis de 4.000 kg de lixo, a maioría de orixe plástico. Cordas de todo tipo, aparellos de pesca, caixas, botellas, tapóns, e ata petróleo do Prestige que aínda aparece polas nosas costas aterrado baixo a area. Alén das limpezas, nalgúns lugares a xornada tamén serviu para dar a coñecer a importancia e biodiversidade dos areais e dos ecosistemas dunares: fixéronse tarefas de identificación de cetáceos varados ou clases de educación ambiental para os alumnos de algún instituto. Aínda que se buscou na maioría das praias onde adoita estar, este ano non observamos niños de píllara das dunas (
Charadrius alexandrinus), ave ameazada que pon os seus ovos na area. A todos/as, moitas grazas polo voso compromiso co ambiente!

A maioría das cousas que usamos ou consumimos están feitas con algún material plástico, un material feito para durar sempre pero que utilizamos durante un periodo de tempo limitado, moitas veces ínfimo. A mentalidade do usar e tirar é relativamente recente, se o pensamos ben, non fai moito os recipientes da maioría dos produtos eran reutilizables (vidro, aluminio…) e duraban moito máis. Actualemnte recupérase só un 5% do plástico producido mundialmente (225 millóns de toneladas anuais). Un 50% remata en vertedoiros ou incinerado, e unha grande parte "desaparece" no medio, moitas veces nos océanos.
A contaminación por plástico é un grave problema que afecta aos ecosistemas mariños. Estes residuos causan a morte de máis dun millón de aves mariñas, e de 100.000 mamíferos mariños e tartarugas cada ano. Estes animais confunden o plástico (tapóns, bolsas, etc.) con alimento e acaban morrendo de inanición cos estómagos cheos de lixo. Outros acaban enredados nestes residuos e morren igualmente.
O plástico nunca desaparece, acaba convertíndose en pequenos anacos chamados microplástico ou "plancto plástico". Estas partículas atraen substancias como DDT, PCB ou outros pesticidas daniños para a saúde, incrementando os seus niveis e polo tanto a súa perigosidade. É por iso que os pequenos plásticos no océano non son inocuos. Estas substancias altamente canceríxenas acaban pasando a cadea trófica en peixes que viven libres nos océanos, e que rematan nos nosos pratos, afectando directamente á nosa saúde.
ADEGA quere subliñar que as limpezas de praias no día dos océanos non debe ser un feito illado, e convida a calquera persoa a recoller o lixo do noso litoral sempre que poida. As limpezas de praias deben facerse de xeito manual, respectando os ecosistemas dunares, e tendo especial coidado coa fauna e flora que nelas habita. O obxectivo principal deste tipo de actuacións é crear conciencia e alertar da cantidade de plástico que producimos e tiramos, e as consecuencias que isto ten.

viernes, 24 de mayo de 2013

VIII campo de voluntariado ambiental no río Tea para a eliminación de

especies exóticas invasoras.

Sete anos loitando contra as bioinvasións.


O Proxecto Ríos é unha iniciativa de Educación e Voluntariado Ambiental promovida por ADEGA. A finalidade deste programa é dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación. Durante este 2013 realizaremos un Campo de Voluntariado Ambiental no río Tea para a eliminación de flora exótica invasora, que será continuación dos traballos desenvolvidos ao abeiro do programa de Voluntariado en Ríos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, que comezou hai sete anos. En 2013 realizarase un campo de voluntariado ambiental co financiamento da Confederación Hidrográfica do Miño Sil. O voluntariado terá cubertos os gastos de aloxamento e manutención, e contará con seguro de accidentes. Os voluntarios e voluntarias traballarán na eliminación de flora exótica invasora presente en diferentes treitos do río Tea (localizados no LIC río Tea ES1140006). As especies a erradicar son plántulas de dúas árbores (Acacia dealbata e A. melanoxylon) coñecidas vulgarmente como mimosas, tamén se erradicarán árbores de falsa acacia (Robinia pseudoacacia) e pequenas matas de bambú (Phyllostachys spp.). Ademais actuarase sobre outras herbáceas invasoras que poidan aparecer durante os traballos de seguimento como se fixo en ocasións anteriores.
Na xornada de traballo explicarase de maneira práctica os pasos a seguir para que o grupo de voluntariado poida levar a cabo os traballos axeitadamente e desenvolver así o programa.

Para máis información:
Paco Bañobre
Proxecto Ríos
Travesa de Basquiños,9 baixo-
15704 Santiago de Compostela
Teléfonos:981 570 099 e 616 23 80 50
pacobanhobre@adega.info

viernes, 10 de mayo de 2013

ROTEIRRÍOS POLOS CANÓNS DO SIL E DO MAO (RIBEIRA SACRA)

Roteirríos e un programa de itinerarios que pretende unir ríos e persoas nun ambiente lúdico e que desenvolve o Proxecto Ríos desde o ano 2007.
O Proxecto Ríos é unha iniciativa de Educación e Voluntariado Ambiental promovida por ADEGA e financiada por Augas de Galicia e o Instituto de Estudos do Territorio. A finalidade deste programa é dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantenemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.
A fin de semana do 11 e 12 de maio o Proxecto Ríos organiza o segundo Roteirríos do 2013. Desta volta achegarémonos á bacía do Sil para coñecer o seu patrimonio fluvial, as súas paisaxes e biodiversidade. O roteirríos será de dous días, a noite do sábado ao domingo a pasaremos no Albergue da Fábrica da Luz en Parada de Sil, equipamento turístico aberto recentemente ubicado nunha antiga fábrica da luz deste concello.
Entre as actividades previstas están, o sábado 11, un roteiro polo Canón do río Mao, dende Forcas até a Fábrica da Luz, e o domingo 12 realizaremos un percurso circular polo Canón do Sil. Aproveitaremos o domingo para facer unha saída formativa polo río Mao co grupo de voluntarios/as do albergue A Fábrica da Luz a partires das 10:30h.
PROGRAMA.
Sábado 11
11.00h Comezo do Roteiro en Forcas
12.30h Baixada ao río Mao
13.30h Xantar
15.00h Continuamos o roteiro
17.30h Parada nas tumbas antropomórficas
19.30h Chegada ao Albergue
21.30h Cea
Características do roteiro do sábado: A lonxitude aprox. é de 7 km. O percorrido é moi sinxelo xa que iremos todo o tempo pola antiga levadada da Fábrica da Luz que sigue a curva de nivel (700msnm) que nos ofrecerá unhas vistas impresionantes do Canón do Mao. Abandonaremos a levada para descender até o río a comer (este será o único tramo un pouco máis complicado) e despois retomaremos o camiño para seguir até o albergue.
Domingo 12
9.00h Almorzo
10.30h Comezo do Roteiro en Parada de Sil
13.30h Chegada ao Mosteiro de Santa Cristina e xantar
15.00h Continuación do roteiro
17.00h Chegada a Parada de Sil.
Características do roteiro do domingo: A lonxitude aprox. é de 12 km. O itinerario é circular e percorre varias aldeas e lugares da parte ourensana da Riberia Sacra, podendo desfrutar das vistas do Canón do Sil.
Durante os dous percorridos iranse facendo paradas explicativas sobre a zona, biodiversidade, etc.

martes, 16 de abril de 2013

        Nova charca creada na Eira da Xoana

ADEGA organizou a primeira xornada de voluntariado ambiental dentro da iniciativa Charcas con Vida, un novo proxecto que ten como obxectivo concienciar á cidadanía da importancia das charcas nos ecosistemas galegos, alertalos ante a desaparición das mesmas e animar a grandes e pequenos a achegarse aos pequenos humidais. Como actividades de voluntariado ambiental ADEGA organiza xornadas para a construción de charcas, a primeira creouse na Eira da Xoana o pasado sábado.
O punto de encontro foi o centro do territorio: Agolada, onde se unen A Coruña, Lugo e Pontevedra. A xente chegou dende Caldas de Reis, O Morrazo, Vigo, Coruña, Compostela e Ourense, tampouco faltou a xente da zona, todos e todas se achegaron ata a Eira da Xoana. A Eira é un lugar de encontro que ten coma obxectivo concienciar e pór en práctica os principios ecoloxistas e socioculturais que se defenden dende ADEGA.
A xornada estaba organizada para 25 persoas pero moita xente se achegou ao longo do día a botar unha man para a creación da nova charca na eira da Xoana.
O primeiro foi unha pequena charla de presentación, explicándolles aos participantes a importancia das charcas. Falouse do seu importante valor como reservorios de auga, lugar de acubillo para a fauna local, puntos quentes de biodiversidade, conservadoras do patrimonio natural e cultural e un longo etcétera que fan dos pequenos humidais uns ecosistemas indispensables, pero que lamentablemente se atopan en perigo. Falouse do novo proxecto Charcas con vida que tenta axudar á conservación destes hábitats baseándose na educación ambiental, no voluntariado ambiental e na custodia do territorio. Este proxecto conta coa colaboración da Fundación Biodiversidad do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, e realízase en convenio co CIBIO de Portugal.
Trala charla os voluntarios e voluntarias dividíronse en grupos e repartiuse a ferramenta: Laias, sachos, palas, picos… Varios deles comezaron a facer un rego polo que iría unha tubería co aporte de auga para a charca, outro pequeno grupo se desprazou ata un lugar cercano para cargar unhas lousas de pedra que axudarían a crear o noso pequeno humidal. O resto dedicouse a facer o burato onde se localizaría a charca, para esta labor fixeron falta moitas mans e moita ferramenta, quitamos capachos e capachos de terra que se depositaron facendo unha pequena parede.
Tras un merecido descanso retomamos os traballos da tarde. Contamos tamén coa inestimable axuda dun voluntario canteiro, grazas ao cal conseguimos colocar axeitadamente as lousas de pedra que trouxeran pola mañá. Con axuda dos pisóns feitos tamén artesanalmente pola mañá compactamos o fondo da charca e a morea de terra. Colocáronse diferentes pedras pequenas que servirán de refuxio para certos animais e tamén unhas tellas facendo un pequeno canal polo que caería a auga.
Para rematar trouxemos uns poucos xuncos que medran ao fronte da casa e colocámolos no fondo da nosa charca, e por último só quedou abril a billa e deixar correr a auga que foi
enchendo o fondo da charca. Agora só queda esperar que o tempo e a chuvia nos axuden a encher este pequeno humidal para que os animais e plantas da zona poidan atopar alí o seu lugar.
Dende ADEGA queremos agradecer a todas e a todos os que se achegaron ata a Eira o sábado aportando o seu gran de area na creación da charca no primeiro día de sol de 2013. Moitas grazas a tod@s!!!
Fotos en: https://plus.google.com/u/0/photos/115919066085487583436/albums/5867454276729780609
Máis info:
Lucía Parente

martes, 30 de octubre de 2012

ADEGA Lugo vén de presentar o seu programa de roteiros para o curso 2012-2013 que, desta volta, estará dedicado de novo a descubrir lugares máxicos, encantados ou marcados por algunha lenda ou tradición oral. Dado o éxito da primeira edición do programa “A Galiza Máxica. Un país de lendas”, na que participaron unhas 500 persoas, e por votación maioritaria dos seus socios e socias, ADEGA-Lugo dá continuidade a esta temática como eixo arredor do cal vai xirar os roteiros deste ciclo 2012-2013.
Os roteiros de ADEGA Lugo están concebidos como unha actividade de ocio e divertimento, pero tamén de divulgación e reivindicación ambiental. A través deste ciclo de roteiros dedicados á Galiza Máxica, ADEGA mostrará aos viandantes diferentes elementos naturais e paisaxísticos que forman parte, non só do espazo físico, senón do imaxinario popular, no que aínda viven e se desenvolven seres míticos e fantásticos que chegaron aos nosos días a través das lendas. A Galiza Encantada é o legado das crenzas e costumes dos nosos devanceiros e a través dela aprendemos a convivir coa natureza e a respectar o territorio no que vivimos.
Desde a perspectiva reivindicativa, os roteiros de ADEGA Lugo servirán para reclamar máis atención das autoridades á preservación destes elementos patrimoniais non materiais, a través da promoción literaria, da investigación, da posta en valor e da conservación dos símbolos naturais e do espazo físico que os sustenta. A destrución do territorio físico tamén leva consigo a desaparición de moitos lugares míticos ou símbolos da Galiza máxica que hoxe en día están a esmorecer.
ADEGA-Lugo quere contribuír de forma activa a que os galegos e galegas coñezan estes elementos naturais e máxicos presentes aínda na nosa xeografía e na nosa memoria colectiva como testemuñas dunha visión particular do mundo. Durante os próximos oito meses iremos na busca da Porta do Alén en Guitiriz, da trabe d’ouro no Incio, dos encantamentos do Sil en Doade, do Santo Grial no Cebreiro, dos tesouros de Feranzos na Mariña e dos misterios de Santa Mariña de Augas Santas en Allariz e do Pico Sacro en Compostela.
O primeiro roteiro terá lugar o 11 de novembro e percorrerá a Serra do Courel na busca do Apalpador. O roteiro rematará cun magosto en Ferreirós de Abaixo.
Para a realización destas camiñadas, ADEGA contará coa colaboración de diversas entidades culturais e sociais e de persoas vinculadas estreitamente coa cultura galega.

DATOS DE INTERESE
Lugar de saída: Avenida de Ramón Ferreiro (fronte á Facultade de Formación do Profesorado, antigo Maxisterio), en Lugo.
Hora de saída: ás 9.00 horas, agás no roteiro de xuño que será ás 8.00 horas.
Prezos: 15 € (non socios/as), 12 € (estudantes, parados, xubilados), 10€ (socios/as) e 5€ (menores de 17 anos).
Reserva de praza. Chamar polo menos con 2 días de antelación a: 982240299 ou 679113718.
*No caso de que houbera algunha modificación no programa de roteiros será comunicada oportunamente.
*Prégase puntualidade e aviso previo no caso de ausencia.