sábado, 25 de junio de 2011

MEDIO RURAL DENUNCIA UNHA ACTIVIDADE INCENDIARIA ELEVADA E CON EVIDENCIAS DE INTENCIONALIDADE, FAVORECIDA POLA CLIMATOLOXÍA ADVERSA

§        Arestora as comarcas con maior número de focos, nos que se está a traballar para a súa extinción, son as do Barbanza, as proximidades da cidade de Santiago así coma o resto das provincias da Coruña e Pontevedra
§        Desde onte venres se está a rexistrar unha actividade incendiaria simultánea, coincidindo coa suspensión das queimas autorizadas por parte de Medio Rural e unhas condicións climatolóxicas especialmente adversas pola calor e o vento
§        A Xunta conta coa colaboración do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño e da Unidade Militar de Emerxencias para facer fronte a esta excepcionalidade

A Consellería do Medio Rural denuncia a actividade incendiaria elevada e con evidencias de intencionalidade, favorecida polas extraordinarias e adversas condicións meteorolóxicas, que están a obrigar aos servizos de extinción a realizar un gran esforzo, traballando en condicións de máxima esixencia para atallar a multitude de focos que se están a rexistrar por toda Galicia (da orde de 70 diarios nestes dous últimos días).

O departamento que dirixe Samuel Juárez quere incidir en que o groso dos incendios rexistrados ao longo desta fin de semana amosan unha actividade incendiaria superior á media da rexistrada na época de máximo risco (xullo e agosto) do pasado ano.

Máximo esforzo na extinción
A Xunta está a realizar o máximo esforzo posible para atallar esta excepcionalidade. Os medios que están activos para extinguir os lumes forestais en toda Galicia nestes días son os seguintes: 144 brigadas, 160 motobombas, 380 axentes forestais, 5 helicópteros e 2 avións de carga en terra.

Para facer fronte a esta extraordinaria situación, a Xunta conta coa colaboración do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño (Marm) e da Unidade Militar de Emerxencias (UME), que se suman aos labores de extinción.

Arestora os principais focos onde están a traballar os medios antiincendios localízase na comarca coruñesa da Barbanza, as proximidades da cidade Santiago e no concello das Pontes de García Rodríguez, entre numerosas actuacións na provincia da Coruña.

Así mesmo, na provincia de Pontevedra trabállase con especial intensidade en focos dos municipios de Cerdedo, Soutomaior, Ponteareas, Salceda de Caselas e Sanxenxo e na de Lugo nas zonas do Páramo, Pantón e Antas de Ulla. En Ourense as áreas principais de actuación estiveron próximas á propia capital provincial, con algunha intervención no entorno do Carballiño.


Barbanza
No Barbanza estanse a rexistrar lumes en Boiro, Porto do Son e Muros. Nesta área se traballa en evitar a conexión entre os diversos focos e as primeiras estimacións provisionais apuntan a unha superficie afectada de máis de 200 hectáreas.

As Pontes
Nas Pontes reactivouse cun novo foco o lume rexistrado onte, que afectou a unha superficie estimada de 33 hectáreas. Todo apunta a que este novo lume tamén foi intencionado e arestora supera as 50 hectáreas, sen que polo de agora se teña constancia de que teña afectado ao Parque Natural das Fragas do Eume.

Actividade simultánea
Desde onte venres se está a rexistrar unha actividade incendiaria simultánea, coincidindo coa suspensión das queimas autorizadas por parte de Medio Rural. Unhas condicións climatolóxicas especialmente adversas pola calor e o vento. Salvo os incendios rexistrados na zona de Maside (Ourense), dos que xa se deu conta onte e que condicionaron o tráfico ferroviario (un lume que todo apunta a que foi provocado accidentalmente polas propias chispas dos trens), a maior parte dos focos semella que foron provocados, segundo se tira das primeiros datos dispoñibles e do feito de que se produciran diferentes focos simultáneos, uns preto de outros, caso dos ocorridos na comarca de Santiago.

Por último, Medio Rural quere facer unha chamada á sociedade galega en xeral para que se implique e denuncie a actividade incendiaria, xa que, ademais, en moitos casos se están aproveitando as condicións extremas nas horas centrais do día. Todo apunta, unha vez máis, a que esta actividade incendiaria non vai seguida de informacións por parte da poboación que permita actuar con contundencia contra os autores destes forte actividade delictiva por parte das forzas e corpos de seguridade do Estado.

A Xunta tamén pediu a colaboración á Delegación do Goberno en Galicia para que se redobren os esforzos na vixilancia que permitan a detención dos causantes desta actividade delictiva.


No hay comentarios:

Publicar un comentario