domingo, 16 de diciembre de 2012

TURISMO DE GALICIA PRESENTA A OFERTA TURÍSTICA DA COMUNIDADE NA VIXÉSIMA EDICIÓN DA FEIRA FERPALIA DE PONTEVEDRA

§         Turgalicia difundirá os produtos cabeceira da marca do Turismo galego, facendo especial fincapé nas experiencias de Paseando entre viñedos, que pon en valor a riqueza enogastronómica da Comunidade galega
A Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, dependente da Secretaría Xeral para o Turismo, presentará desde mañá xoves e ata o vindeiro día 16 de decembro a oferta turística galega dentro da feira Ferpalia - Salón do Turismo, que se celebrará en Pontevedra a súa vixésima edición.
                                                                                                                     
Turgalicia participará neste evento cun stand cedido pola organización do certame no que presentará os recursos turísticos galegos baixo o paraugas da marca Galicia, gárdasme o segredo?, que inclúe os produtos cabeceira de marca: Camiño de Santiago, Mananciais de Galicia, Bosques de Galicia, Patrimonio oculto, Paseando entre viñedos, Turismo mariñeiro, Ruta da camelia, Santuarios máxicos, Faros e praias salvaxes e Lugares únicos.

Nesta ocasión, a feira estará dedicada de xeito especial á gastronomía e ao enoturismo e desenvolverase nun espazo aberto.

Paseando entre viñedos
Con isto, Turismo de Galicia promocionará de xeito especial o produto cabeceira da marca Paseando entre viñedos, que aglutina toda a oferta galega no ámbito da enogastronomía.

Así, a través deste produto turístico pódese acceder ás cinco rutas das Denominacións de Orixe Protexidas dos viños de Galicia, Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras, para gozar de xeito completo da oferta enogastronómica galega.

Por outra parte, cabe salientar que por primeira vez, Galicia conta cun Plan de Enogastronomía que incide na potenciación deste recurso como motivación principal e complementaria da viaxe turística a Galicia e que constitúe a folla de ruta para aproveitar o mellor desta oferta turística.

A vixésima edición de Ferpalia Salón do Turismo, celebrarase nos xardíns da Alameda de Pontevedra, ao obxecto de lograr un maior movemento de visitantes  e crear un foro comercial único e popular.

Agárdase que por este certame turístico pasen arredor de 30.000 visitantes ao longo dos catro días de feira, en horario de 11.00 horas a 14.00 horas e de 17.00 horas a 21.00 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario