martes, 28 de julio de 2015

A CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR INFORMA DA SITUACIÓN DOS LUMES FORESTAIS CON DATOS RECOLLIDOS ATA AS 20:00 HORAS DE HOXE


§        Activo un lume no concello de Ourense, parroquia de Palmés, no que foi declarada como medida preventiva a “Situación 2” porque pode afectar á poboación e a bens non forestais, pola proximidade a núcleos habitados

§        Controlado o lume no concello da Mezquita, parroquia de Santigoso, que afecta a unha superficie provisional de arredor de 100 hectáreas en terreos de Rede Natura

§        Permanece estabilizado o lume no concello de Entrimo, parroquia de Galez, cunha superficie de arredor de 20 hectáreas

§        Permanecen controlados os incendios rexistrados nos concellos de Folgoso do Courel, parroquia homónima, e de Navia de Suarna, parroquia de Ribeira, con superficies provisionais de 195,33 e 410 hectáreas respectivamente

§        No lume rexistrado no concello lugués da Fonsagrada, parroquia de Bruicedo, extinguido á 1:20 horas desta madrugada, un helicóptero do Servizo de Incendios tivo que realizar unha aterraxe de emerxencia nun prado por problemas técnicos, sen que houbese danos persoais nin materiais

Activo Ourense

A Consellería do Medio Rural e do Mar declarou ás 17:45 horas, como medida preventiva, a “Situación 2” no incendio forestal activo arestora no concello de Ourense, parroquia de Palmés. Esta situación operativa de emerxencia declárase porque o lume pode afectar á poboación e a bens non forestais e require a adopción inmediata de medidas de protección e socorro. O lume iniciouse ás 16:03 horas e afecta, segundo estimacións provisionais, a unha superficie de 40 hectáreas. No seu control traballan 3 axentes forestais, 12 brigadas, 4 motobombas, 6 helicópteros e 10 avións.

Deste lume foron evacuados un axente forestal e un brigadista a causa dunha posible intoxicación por fume. Ambos foron trasladados conscientes a senllos centros médicos da capital ourensá e evolucionan favorablemente.

Na zona do incendio atópase o secretario xeral do Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, para coordinar tanto os traballos de extinción como as medidas de protección adoptadas.

Controlado A Mezquita

Está controlado desde as 14:00 horas deste mediodoía o lume rexistrado no concello ourensán da Mezquita, parroquia de Santigoso, tras comenzar esta madrugada ás 00:08 horas. Segundo as últimas estimacións provisionais, a superficie afectada é de arredor de 100 hectáreas en terreos de Rede Natura. Nos labores de control levan traballado 5 axentes forestais, 12 brigadas, 7 motobombas e 1 pa.

Estabilizado Entrimo

Segue estabilizado desde ás 22:00 horas de onte un lume no concello ourensán de Entrimo, parroquia de Galez, tras comenzar ás 17:37 horas desa mesma tarde. Segundo estimacións provisionais, a superficie afectada é de arredor de 20 hectáreas. Nas tarefas de control levan participado 5 axentes forestais, 16 brigadas, 7 motobombas, 6 helicópteros e 5 avións.

Controlado Folgoso do Courel

Continúa controlado desde as 22:40 horas o incendio iniciado o pasado sábado ás 19:18 horas no concello lugués de Folgoso do Courel, parroquia homónima. Segundo estimacións provisionais, a superficie afectada é de 195,33 hectáreas en terreos de Rede Natura, das cales 8 son arboradas e 187,33 de monte raso. Nas tarefas de extinción levan participado 3 técnicos, 19 axentes forestais, 44 brigadas, 27 motobombas, 2 pas, 7 helicópteros e 3 avións.

Controlado Navia de Suarna

Permanece controlado desde as 11:20 horas de onte o incendio rexistrado no municipio lugués de Navia de Suarna, parroquia de Ribeira. Este lume iniciouse o sábado ás 17:27 horas e segundo estimacións provisionais a superficie afectada é de 410 hectáreas en terreos de Rede Natura, das cales 310 son arboradas e o resto rasas. Na súa extinción levan traballado 1 técnico, 13 axentes forestais, 49 brigadas, 26 motobombas, 1 pa, 10 helicópteros e 6 avións. Tamén colaboraron nas tarefas de control membros da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Incidencia na Fonsagrada

Por outra parte cabe destacar que no lume rexistrado no concello lugués da Fonsagrada, parroquia de Bruicedo, extinguido á 1:20 horas desta madrugada e que afectou a unha estimación de superficie de 28 hectáreas, un helicóptero do Servizo de Incendios tivo que realizar unha aterraxe de emerxencia nun prado por problemas técnicos. Non se rexistraron danos persoais nin materiais.

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario