miércoles, 9 de noviembre de 2011

O CONSELLO FORESTAL AVANZA NO BORRADOR DO ANTEPROXECTO DA LEI DE MONTES DE GALICIA

§        Medio Rural incorporou a este novo documento de traballo modificacións en máis do 75% do seu articulado, tralo estudo das achegas realizadas por medio cento de entidades e organizacións e a celebración de xuntanzas coas mesmas
§        O anteproxecto da que será a primeira Lei de Montes de Galicia ten por obxecto establecer un réxime xurídico estable que se adecúe ao monte galego que se procura para o século XXI e dea debida resposta ás demandas dos distintos axentes vinculados ao sector forestal e á sociedade galega no seu conxunto

O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, presidiu este mediodía a xuntanza do Consello Forestal de Galicia –órgano consultivo e asesor da Administración Forestal no que están representados, ademais da Xunta, produtores, industria, Fegamp e diferentes organizacións agrarias e conservacionistas–, que avanzou na análise e consenso do novo texto do borrador do anteproxecto da Lei de Montes de Galicia. Ao inicio da xuntanza, Juárez amosouse moi satisfeito do nivel de participación do sector e da sociedade en xeral e reiterou a vontade da Consellería de acadar o maior consenso posible na elaboración desta norma porque, tal e como dixo, “a nosa intención é que perdure no tempo, nun sector que precisa un marco xurídico estable”. Avogou ademais por manter a rendibilidade económica, social e ambiental do monte, como principios xerais, e –engadiu–  “por aí vai esta lei”. Apostou tamén por ser capaces, entre todos e en harmonía, “de facer un marco legal que dea resposta a tódolos aproveitamos do monte galego e, en xeral, do ámbito rural de Galicia”.

Esta reunión forma parte do proceso de consultas e información pública posto en marcha por Medio Rural dende o pasado mes de xuño para presentar este texto legal (que é un documento aberto) aos diferentes axentes do sector, e recabar as súas achegas cara ao traballo de análise e modificación do documento. Neste senso, ao longo dos meses de setembro e outubro, e co fin de clarexar estas aportacións, a Dirección Xeral de Montes mantivo máis dunha trintena de xuntanzas directas coas organizacións que compoñen o Consello Forestal, que presentaron alegacións para acadar o máximo consenso.

Como resultado deste proceso, hoxe levouse ao Consello Forestal, cun só punto na orde do día, o borrador do anteproxecto de Lei de Montes, coas actualizacións incorporadas. A modo de resumo, tal e como subliñou Samuel Juárez, o texto inicial contiña 170 artigos, dos cales máis do 75% foron obxecto de modificacións. Atendendo así ao estudo e análise das achegas –tanto as aportadas polos propios integrantes do Consello Forestal como as de entidades e colectivos de fóra de órgano consultivo– e ás conversas mantidas con eles. 

Lei de alcance
O alcance desta lei é moi significativo, xa que afectará a dúas terceiras partes do territorio galego e regulará a xestión dos recursos forestais como a madeira, a biomasa forestal, os pastos, o mel ou os soutos de castaña, entre outros, pero tamén o lecer, a paisaxe, o solo ou a cultura forestal, servizos que se están a desenvolver a cotío nos montes da nosa Comunidade. Esta lei quere contribuír a poñer en valor o noso monte e facer da súa xestión unha fonte de recursos económicos para os produtores e silvicultores galegos e que manteña e conserve, ao tempo, os nosos bosques coma o ecosistema tan diverso e rico en especies e hábitats que é na actualidade.

Puntos destacados da futura lei
O borrador que hoxe avaliou o Consello Forestal define os distintos ámbitos competenciais e garante unha axeitada seguridade xurídica da actividade forestal, recoñecendo o papel dos produtores e silvicultores no marco da xestión forestal sostible. O texto ten, ademais, como eixo vertebrador, a posta en valor do monte mediante a ordenación dos usos e recursos, pero mantendo unha política de incentivos e axudas públicas e eliminando trabas administrativas. Nesta liña consolídase a figura xurídica das agrupacións de propietarios (as Sociedades de Fomento Forestal, Sofor) e a reorganización voluntaria da propiedade do monte.

No anteproxecto ponse de manifesto que a gran maioría dos montes galegos son de propiedade privada e por tanto é aos seus titulares a quen lles corresponde a súa xestión e aproveitamento. Dáselle, tamén, un tratamento singular á figura tipicamente galega dos montes veciñais en man común, pero advertindo que esta lei non desenvolve o seu réxime xurídico por considerarse que debe manter, como ata o de agora, unha singularidade normativa específica acorde co seu réxime xurídico, no marco definido polo Estatuto de Autonomía de Galicia. No contexto da posta en valor do monte, o borrador regula as porcentaxes de reinvestimentos para traballos forestais dos ingresos obtidos polo aproveitamento das diferentes producións. Así, establécense porcentaxes obrigadas de reinvestimento (de forma xeral o 40%).

Compatibilidade das actividades
No anteproxecto teñen especial consideración os cambios de actividade forestal a agrícola e viceversa, na procura da consolidación das explotacións, favorecendo unha ordenación dos usos do territorio e compatibilizando ditas actividades. Regúlanse os aproveitamentos e servizos que xeran os montes, con especial atención aos aproveitamentos de pastos en terreos forestais.

O texto da futura Lei de Montes de Galicia afonda tamén nos procedementos e medidas dirixidas á prevención e loita contra pragas e doenzas forestais, establecendo medidas para recuperación e restauración do solo e dos recursos hídricos.

Créase, ademais, o Sistema Rexistral Forestal de Galicia e un rexistro específico de masas consolidadas de frondosas autóctonas, favorecendo a xestión de formacións tan importantes e consolídanse foros de participación pública (caso do propio Consello Forestal, ao que se suma a regulamentación de mesas sectoriais de produtos do monte entre as que salienta a Mesa da Madeira). Entre os puntos destacados desta norma salienta tamén a creación dun novo contrato temporal de xestión pública, especialmente orientado aos montes veciñais que precisen do impulso inicial necesario para acadar unha adecuada xestión forestal sostible.

No hay comentarios:

Publicar un comentario