Outra central de 763 MW no Sil: A Ribeira Sacra, de Patrimonio da Humanidade a polígono industrial |
![]() A zona na que están proxectadas as obras -concello de Parada de Sil- sitúase nunha área proposta para formar parte da Rede Natura 2000 (Xunta de Galiza-Ibader, 2008) con nada menos que 18 hábitats protexidos pola Directiva 92/43 CEE, 4 deles prioritarios: 4020* Breixeiras húmidas; 91E0* Bosques aluviais con Alnus e Fraxinus, 3170* Charcas temporais mediterráneas e 6230* Pradarías con Nardus sobre substratos silíceos. Alén disto, na área localízanse tamén 24 especies incluidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, incluidas 4 consideradas en perigo de extinción: a aguia real (Aquila chrisaetos) que ten xusto nesta paraxe do canón do Sil un dos núcleos reprodutivos máis occidentais da Península; o milano negro (Milvus milvus); a cerceta (Anas crecca) e a agacha (Gallinago gallinago). Gas Natural-Unión Fenosa argumenta que o proxecto ten como obxectivo "almacenar excedentes" de enerxía para liberalos cando hai máis demanda. Isto faise bombeando auga dende o Sil ao encoro de Edrada (5Km) onde se acumula para logo turbinala. A realidade, nen sequera ocultada no documento é que preténdese "bombear para absorber o exceso de producción sen reducir a produción eólica ou parar as térmicas". Ou sexa: que en lugar de reducir a oferta "apagando" térmicas (e consecuentemente, emitindo menos CO2) ou desenchufando muíños cando a demanda é baixa (e, obviamente, vender menos), seguen producindo a todo gas e acumulan os excesos. Esta enerxía acumulada en forma de auga no encoro superior, turbinarase logo cando o prezo do Kw estea máis alto. Noutras palabras: especulan coa enerxía no mercado. Dase tamén o paradoxo que a enerxía "suxa" das térmicas ou nucleares reconvírtese, por este procedemento en enerxía limpa e xenerosamente subvencionada con cartos públicos. É unha "lavaxe" de megawatios suxos en limpos con gorentosas plusvalías para as empresas en todo o proceso. Tanto esta obra como as outras centrais reversíbeis proxectadas ou en construción no Miño e Sil son para ADEGA un inmenso timo e unha estafa argallada polas eléctricas coa cooperación necesaria das administracións, cómplices dun inmenso timo, da malversación descarada de fondos públicos e da desfeita ambiental. O Ministerio de Medio Ambiente, Rural Mariño debe manter a súa decisión de non autorizar novos aproveitamentos nas bacías da súa competencia, como llo reclamou por unanimidade o Senado. Non se trata só de non facer máis encoros, senón de reducir a insoportábel presión hidroeléctrica sobre a Ribeira Sacra, impedindo que estes faraónicos proxectos deterioren para sempre unhas paisaxes, uns hábitats e un patrimonio irrepetíbel. Así o recomenda a Directiva Marco da Auga e fica recollido na Lei de Defensa dos Ríos Galegos. Non tiña a Xunta que dicir tamén algo ao respeito? |
No hay comentarios:
Publicar un comentario