jueves, 26 de enero de 2012

Este 2 de febreiro, voltamos a mollarnos polos humidais



O día 2 de febreiro comemórase a data na que se adoptou a convención sobre os humidais en 1971. O tratado dos humidais ou convención Ramsar, é un acordo intergobernamental que serve para a acción nacional e a cooperación internacional en pro da conservación e o uso racional dos humidais e os seus recursos. Os ecosistemas húmidos forman parte da nosa riqueza natural e grazas aos humidais todos os anos recibimos servizos por valor de millóns de euros (de xeito totalmente gratuíto). Os hum idais contribúen á nosa saúde e benestar, controlando inundacións e repoñendo os nosos acuíferos. Estes ecosistemas estabilizan costas e protexen ás cidades e vilas contra as treboadas, reteñen e exportan sedimentos e nutrientes, depuran auga e son uns grandes reservorios de biodiversidade. Este 2 de febreiro, móllate polos humidais con ADEGA!
Os humidais tamén nos abastecen de moitos produtos dos que dependemos. Existen valores culturais ligados a estes ecosistemas, así como valores naturais que fomentan a recreación e o turismo.
Dende ADEGA queremos divulgar esta importancia dos humidais, e por segundo ano consecutivo organizamos unha xornada de voluntariado ambiental en dúas lagoas pertencentes ao Complexo Húmido de Corrubedo, un dos 5 humidais galegos incluídos na lista Ramsar. Baixo o mesmo lema do ano anterior: Móllate polos Humidais, mollarémonos polas lagoas de San Pedro de Muro e Xuño (concello de Porto do Son).
En 2011 máis de 40 voluntarias e voluntarios participamos nunha xornada de eliminación de flora exótica invasora nesta área, e este ano queremos darlle seguemento aos labores de control e eliminación. Ademáis de seguir divulgando a problemática das especies invasoras e aumentar a concienciación cidadá, estas acción teñen por obxectivo acadar un mellor estado ecolóxico dun dos ecosistemas galegos percentes á Rede Natura 2000.
Abrimos o prazo de inscrición para que vos apuntedes nesta xornada de eliminación de flora exótica invasora. Participa e Móllate polos Humidais!
PROGRAMA provisional
09.00 Saída dende Compostela
10.00 Parada en Porto do Son
10.10 Chegada: presentación da actividade
10.30 Roteiro polas lagoas
12.00 Comezo dos traballos de eliminación
14.00 Xantar
15.30 Continuación dos traballos
17.00 Remate dos traballos e foto de grupo
17.30 Regreso
As voluntarias e os voluntarios que queiran participar na acción do día 2 de febreiro poden apuntarse no seguinte enderezo:
Ramsés Pérez (Coordenador de Programas de Educación Ambiental de ADEGA) ramses@adega.info // Telf: 981 57 00 99 e móbil: 616 23 80 50
Colabora e financia:
Concello de Porto do Son
escudo_concello_Porto_do_Son

No hay comentarios:

Publicar un comentario