martes, 31 de julio de 2012

A XUNTA E O MINISTERIO DE DEFENSA ASINAN UN CONVENIO DE COLABORACIÓN PARA A LOITA CONTRA OS INCENDIOS FORESTAIS

§        A conselleira do Medio Rural e do Mar e o director general de Política de Defensa subscribiron esta tarde en Santiago o acordo para a campaña de 2012

§        O Ministerio comprométese a despregar patrullas terrestres, con misión de vixilancia e disuasión, e a Consellería financiará o operativo cun total de 549.913 euros, un 9% máis que o ano pasado

 

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, e mailo director general de Política de Defensa, Juan Carlos Villamía Ugarte, asinaron esta tarde o convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Defensa para a realización de tarefas de prevención de incendios forestais na nosa Comunidade. Á sinatura asistiron tamén o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, o secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, e o delegado de Defensa en Galicia, o capitán de navío José Abad Vilas.

O principal obxectivo desta colaboración é vixiar e identificar aos potenciais axentes causantes de lumes forestais e conseguir que a propia presenza dos medios militares no monte os disuada deste tipo de prácticas delituosas. Así, os efectivos militares vanse concentrar nun territorio máis reducido, que coincide coas áreas tradicionalmente máis castigadas polo lume, para mellorar a eficacia da súa presenza como elemento disuasorio, ademais do labor de vixilancia que realizan.

O acordo asinado esta tarde en Santiago establece unha implicación gradual do Exército neste labor, en cooperación coa Xunta, segundo diferentes niveis de risco vinculados á gravidade da situación.

Patrullas terrestres
Nesta campaña contra os incendios forestais en Galicia, o Ministerio de Defensa comprométese a levar a cabo os despregues operativos de 23 patrullas terrestres con misión de vixilancia e disuasión, de acordo con diferentes niveis de risco.

Pola súa banda, a Consellería do Medio Rural e do Mar, a través da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, comprométese a financiar o importe dos gastos que se produzan con motivo desta colaboración. O orzamento previsto ascende a 549.913 euros, para o recoñecemento, despregue, actividade operativa e relevos de unidade das Forzas Armadas. O importe aumentou nun 9% con respecto ao ano anterior.

No hay comentarios:

Publicar un comentario