miércoles, 21 de diciembre de 2011

GALICIA COMPLETA A REPRESENTATIVIDADE DOS SEUS ESPAZOS NATURAIS NA REDE NATURA 2000

  • O conselleiro do Medio Rural compareceu hoxe no Parlamento, onde sinalou que esta proposta de ampliación incorpora as estratexias da Comisión Europea deste mes de maio, para mellorar a biodiversidade ata o 2020
  • O número de concellos con territorio incluído en Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) pasaría de 209 a 235, ampliándose a superficie en 104 municipios, que redunda nun total de 537.416 hectáreas

Santiago, 21 de decembro de 2011.- “Coa presente proposta de ampliación Galicia completa a representatividade dos seus hábitats e especies na Rede Natura 2000”. Así o manifestou hoxe o conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, na súa comparecencia no Pleno do Parlamento, na que valorou as formulacións de Galicia neste eido.

O titular de Medio Rural subliñou que esta ampliación, xunto coa aprobación do Plan Director, farán posible que Galicia remate o proceso de creación da Rede Natura 2000. Na súa intervención, Juárez sinalou que a proposta galega para esta Rede incorpora ademais a nova estratexia da Comisión Europea publicada neste mes de maio, para mellorar o estado da biodiversidade de aquí ao ano 2020. Entre os obxectivos desta estratexia figura tamén a necesidade da plena aplicación das Directivas Aves e Hábitats, para a representatividade adecuada en todos os estados da Unión Europea.

A presente proposta de ampliación da Rede Natura 2000 de Galicia supón a creación de 21 novos LIC e a ampliación da superficie de 28 LIC existentes, mentres que 31 dos actuais LIC permanecen sen cambios na súa delimitación. Tendo en conta LIC + ZEPA Galicia conta con 96 espazos na Rede Natura 2000: 80 LIC e 16  ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves).
Ao referirse aos 315 concellos de Galicia, o conselleiro puxo de relevo que o número de municipios con superficie incluída en Lugares de Importancia Comunitaria (LIC)  pasa de 209 a 235. Desta cifra, 104 entidades municipais amplían o seu territorio na Rede Natura. A superficie total proposta (LIC+ZEPA) é de 537.416 ha.
No nivel provincial, en termos absolutos, o maior incremento prodúcese na provincia de Lugo, que aumenta a súa superficie incluída nalgún LIC da Rede Natura 2000 en máis de 53.000 ha, incrementando así nun 33% a Rede Natura actual da provincia. A segunda provincia en incrementar a superficie de LIC na Rede Natura Galega en termos absolutos sería A Coruña, con máis 25.000 ha ampliadas, que supoñen o 56% da superficie de LIC actuais nesta provincia. Ourense atópase en terceiro lugar con 18.600 ha ampliadas, o que supón o 15% da superficie provincial de LIC na actualidade. Finalmente, a provincia de Pontevedra incrementa a superficie de LIC en preto de 11.600 ha, que representan o 45% da superficie actual.

Hábitats representados
Na proposta de ampliación, o maior incremento en termos de superficie vincúlase co aumento de representación dos humidais continentais, que albergan diferentes tipos de hábitats prioritarios. Deste xeito, inclúese a totalidade das turbeiras de cobertor activas do territorio galego. Entre os hábitats máis representados no conxunto de LIC de nova creación ou ampliados estarían as matogueiras húmidas atlánticas, as turbeiras altas activas e os bosques aluviais. Así mesmo, as ampliacións propostas nos lugares da Rexión Mediterránea inclúen unha maior superficie de hábitats propios de prados de sega de baixa altitude e bosques aluviais de ameneiro e freixo.
En relación á representatividade de medios mariños e transicionais, supoñen a inclusión de ecosistemas costeiros dun elevado valor dende o punto de vista da conservación, incrementándose áreas con hábitats dunares, matogueiras costeiras ou humidais costeiros sublitorais.
Compromiso
Neste contexto, Juárez lembrou o compromiso adquirido no debate do Estado da Autonomía do pasado mes de marzo, no que se aprobou a resolución para presentar dentro deste ano unha proposta de ampliación da Rede Natura 2000, baseada nas insuficiencias sinaladas nas Decisións da Comisión Europea. Deste xeito, o criterio principal ao que atende a proposta de ampliación na súa aplicación é cubrir as insuficiencias expresadas nas devanditas Decisións, con criterios técnicos e científicos.

Atendendo aos datos do último Barómetro da Comisión Europea sobre a Rede Natura 2000, a superficie total de España representa o 15,5% do total da Rede Natura en Europa. Galicia, coa proposta de ampliación, pasaría dunha porcentaxe actual de Rede Natura do 12% a unha porcentaxe do 15,2% de superficie terrestre.
Representatividade
Neste senso, Samuel Juárez puxo en evidencia que os datos de superficie en Rede Natura 2000 nos diferentes territorios da Unión Europea son variables. Remarcou que o obxectivo desta política e das Directivas que a desenvolven non é acadar unha determinada porcentaxe do territorio protexido pola rede natura 2000, senón contar coa representatividade adecuada das especies e tipos de hábitats de interese comunitario.

A modo de exemplo citou que en Europa a meirande parte dos membros da UE aínda non completaron a Rede Natura. Isto explica que países como Dinamarca, cunha porcentaxe do 8,9% conte cunha Rede completa de acordo coas directrices europeas. Mentres, outros países con porcentaxes de superficie en Rede Natura moi superior, como Eslovenia ou Bulgaria, con máis do 35% de territorio incluído dentro desta Rede, aínda a teñen incompleta.
Finalmente, o conselleiro do Medio Rural sinalou que con esta proposta de ampliación, Galicia adiántase na conformación dos seus espazos de Rede Natura 2000, xa que no conxunto da Unión Europea, a meirande parte dos Estados membros aínda non completaron a designación das áreas protexidas, é dicir, aínda non teñen a rede natura completa. Neste senso, engadiu que Galicia ademais de reunir os ecosistemas que sinalan as Directivas europeas na Rede Natura, conta con figuras xurídicas propias e diferenciadas para protección dos seus valores naturais, a través da Lei de Conservación da Natureza.

No hay comentarios:

Publicar un comentario