miércoles, 28 de diciembre de 2011

MEDIO RURAL ESTABLECE UNHA LIÑA DE AXUDAS PARA A PREVENCIÓN DE ATAQUES DE LOBO AO GANDO

  • Esta liña de axudas inclúe diversas accións de protección dos rabaños para evitar os danos que causan estes cánidos, entre elas a adquisición de cans mastíns e pastores eléctricos  

Lobo Ibérico

A Consellería do Medio Rural estableceu unha liña de axudas -que hoxe sae publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG)- a favor dos gandeiros que poidan verse afectados pola actividade dos lobos en espazos rurais moi humanizados. Nela inclúense diversas accións de protección dos rabaños para prever danos causados por estes cánidos sobre o gando da nosa Comunidade.  

Trátase dunha serie de medidas co que se pretende afastar do gando doméstico, que pasta en réxime de liberdade ou de semiliberdade, os lobos que puidesen predalo. Poderán acollerse a estas axudas os gandeiros con explotacións en Galicia, das especies ovina, vacúa, cabrúa e de porco celta que acrediten a súa inclusión no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contando a partir da mañá.



Mastín


Adquisición de cans mastíns
Será subvencionable a adquisición de cans de raza mastín leonés con menos de 4 meses, debendo achegar a documentación relativa aos controis sanitarios. O número de cans irá en función da facenda gandeira, sendo de 2 o número máximo subvencionable con 250 euros por mastín.

Pastores eléctricos e curros
As axudas relativas á instalación de pastores eléctricos poderán cubrir a totalidade do seu custo de adquisición, trala presentación da correspondente factura de compra. A contía máxima da axuda por cada pastor será de 100 euros, podendo concederse varias axudas para a instalación de máis pastores nunha mesma explotación.

As subvencións para o emprego de curros tamén poderán cubrir a totalidade do custo da adquisición de mallas electrificadas móbiles que se conectan a pastores eléctricos; sendo a contía máxima de 100 euros por malla de 50 metros (o número máximo por explotación é de 2 mallas). 

Malla ovelleira e postes de madeira
O departamento que dirixe Samuel Juárez tamén subvencionará a instalación de valados fixos con malla ovelleira e postes de madeira tratada, cunha lonxitude de 400 metros. O importe será de 3,75 euros por metro e de 1.500 euros por valado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario