miércoles, 26 de octubre de 2011


JUÁREZ ADVIRTE QUE NAS TRES PRIMEIRAS SEMANAS DE OUTUBRO HOUBO CASE TANTOS LUMES FORESTAIS COMO EN TODO O VERÁN

§        O conselleiro do Medio Rural destacou que nos meses de xullo, agosto e setembro houbo un total de 2.125 lumes, fronte aos 1.942 rexistrados entre o 1 e o 24 de outubro
§        Samuel Juárez reiterou o importante despregue de medios na loita contra o lume en Galicia durante este mes, no que se prolongou boa parte do operativo de máximo risco, e que se no verán traballaron unhas 6.000 persoas, neste outubro seguiron despregados 5.000 efectivos, aproximadamente
§        Agradeceu o labor de todo o servizo de extinción da Xunta, así coma apoio doutras administracións
§        En canto á prevención, salientou que no 2011 as hectáreas desbrozadas por Medio Rural foron máis de 35.000, cifra superior á do anterior goberno da Xunta



Nas tres primeiras semanas deste mes de outubro rexistráronse en Galicia case tantos lumes como en todo o verán. Así o explicou esta mañá o conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, no pleno do Parlamento galego, en resposta a interpelacións dos grupos da oposición. En concreto, o titular do Medio Rural advertiu que nos meses de xullo, agosto e setembro houbo un total de 2.125 lumes, fronte aos 1.942 rexistrados entre o 1 e o 24 de outubro; é dicir, en 24 días rexistráronse só 183 incendios menos que en toda a tempada de alto risco (meses de xullo, agosto e setembro). Deste xeito, segundo Juárez, ponse claramente de manifesto a elevada actividade incendiaria destes días de outubro en Galicia e particularmente na provincia de Ourense.

Esta alta actividade explica o elevado nivel de intencionalidade, en función dunha serie de patróns dos que deu conta Juárez. O elevado número dos lumes, as horas de inicio, a concentración xeográfica (o 50% dos lumes de outubro se rexistraron no 13% dos concellos de Galicia). Así estes datos indican que “é contraria a calquera hipótese que desbote a intencionalidade como a causa más probable” deste anómalo rexistro de lumes neste mes. Así, lembrou que a media do número de lumes rexistrado nestas tres primeiras semanas de outubro foi 8 veces superior á dos dez últimos anos no mesmo período.

O conselleiro quixo saír ao paso de afirmacións da oposición no sentido de que chegou a haber nestes días un lume que tardou 22 días en apagarse. Juárez puntualizou, con datos concretos, que o incendio de Maceda (parroquia de Escuadro) iniciouse o día 16 e quedou controlado o día 18, ao tempo que advertiu que neste concello ourensán houbo ata 12 lumes máis e nos municipios de arredor rexistráronse uns 70 incendios. Unha situación esta que tamén aconteceu en Manzaneda, subliñando que a situación non era dun único lume nun mesmo concello, senón de moitos incendios concentrados, simultáneos e reiterados nunhas áreas xeográficas determinadas.

Medios importantes
O conselleiro reiterou o importante despregue de medios durante o mes de outubro, no que se prolongou boa parte do operativo de máximo risco, sendo así que si no verán traballan unhas 6.000 persoas na loita contra o lume en Galicia, neste mes de outubro seguiron traballando 5.000 efectivos, aproximadamente. Negou a eliminación do operativo en alto risco, puntualizando que se fixo “un pequeno repregue a principios de setembro” que non se continuou en outubro, mesmo reforzándose os medios tamén con achegas do Estado. Reiterou que o que está claro é que os incendios son claramente intencionados. Engadiu, nesta liña, que “non foi un problema de medios, senón de alta actividade incendiaria, un problema delictivo”, xa que nestas primeiras semanas de outubro triplicouse a actividade incendiaria.

Nese mesmo sentido, rememorou a xuntanza do pasado día 19 do Comité de coordinación de loita contra os incendios (coñecido como CIPIG), órgano no que están representadas todas as administracións. Na mesma “quedou moi claro que non era un problema de medios, senón que era un problema delictivo, o cal nos levou a reclamar aos responsables da seguridade do Estado unha maior implicación para atallar esta situación”.

O conselleiro agradeceu unha vez máis o esforzo e traballo de todo o persoal dos servizos de extinción de incendios da Xunta, incluídos os funcionarios.

Lumes apagados pola Xunta
Con respecto á colaboración da Unidade Militar de Emerxencias (UME), tras agradecer o seu “importante auxilio”, Samuel Juárez resaltou que o operativo de loita contra incendios da Xunta foi o que apagou os lumes en Galicia, e para iso nada máis evidente que as cifras. Dos 1.942 lumes rexistrados nestas semanas de outubro, a UME participou en 28, mentres que os 1.914 restantes foron apagados polos traballadores da Xunta.

Demagoxia
O conselleiro do Medio Rural convidou de novo aos grupos da oposición a deixar de lado a demagoxia en relación co problema dos incendios forestais e a implicarse na procura de solucións á cuestión de fondo. Neste senso destacou que na necesaria ordenación do monte galego a Xunta está dando pasos importantes a través das Sofor, a Lei de Montes e dun Banco de Terras máis operativo, que permitirá tamén intermediar con parcelas forestais, non só agrarias. Coincidiu cos grupos parlamentarios en que as ondadas de lumes son un problema recurrente en Galicia, que só “se explica pola desmesurada actividade delictiva incendiaria”.

Máis prevención
En canto a accións de prevención, Juárez rexeitou de plano que se tiveran rebaixado os labores preventivos. Neste senso, coas cifras na man, sinalou que neste ano  desbrozáronse incluso máis hectáreas que na etapa do anterior goberno da Xunta. En concreto no 2011 as hectáreas desbrozadas por Medio Rural foron máis de 35.000, cifra superior ás do ano 2007 (27.000 has.) e tamén ás de 2008 (34.000 has.).

F o t o s: Roi J. López e Merchy Brea
------------------------------------------

No hay comentarios:

Publicar un comentario