jueves, 6 de octubre de 2011

MEDIO RURAL COLABORA COA POBOACIÓN LOCAL DAS RESERVAS DA BIOSFERA PARA UN BO DESENVOLVEMENTO SOCIO-EONÓMICO DO TERRITORIO

§        O director xeral de Conservación da Natureza foi o encargado de inaugurar as Xornadas da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, celebradas en Lobios  
§        A Reserva galaico-portuguesa do Gerês-Xurés representa a segunda reserva transfronteiriza española, tras a Intercontinental do Mediterráneo Andalucía e Marrocos, cunha superficie de 259.496 hectáreas
§        En Galicia existen outras catro reservas que son a Área de Allariz; os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; Terras do Miño; Río Eo, Oscos e Terras de Burón


O director xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural, Ricardo García-Borregón, solicitou o compromiso e implicación da poboación local das Reservas da Biosfera para que, conxugando medidas conservacionistas cun correcto desenvolvemento socio-económico, se logre unha harmonización conxunta por ambas partes nese territorio.  

García-Borregón foi o encargado de inaugurar as “Xornadas da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés”, enmarcadas na IX Reunión do Consello de xestores das Reservas da Biosfera Españolas, que está tendo lugar estes días no Hotel Balneario Caldaria (Lobios-Ourense). Este Consello reúnese dúas veces ao ano, sendo a primeira vez que se celebra no Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, tratándose dun órgano asesor do Comité Español do Programa MaB. 

Na súa intervención, o máximo responsable da Conservación da Natureza en Galicia manifestou que “un dos principais obxectivos das administracións é adquirir un compromiso coa poboación local”, como principal activo na planificación da acción dunha Reserva, así como no “propio éxito do proxecto”. Ademais, animou aos asistentes a compartir e intercambiar experiencias para unha mellora no traballo en rede e, máis se cabe, nestes tempos de crise que fai que os recursos dispoñibles estean lonxe dos demandados. Recalcou, ademais, a necesidade de “seleccionar as propostas e accións que poidan ser máis viables, rendibles social e economicamente” e cun respecto ao entorno medioambiental nas Reservas, a prol da “eficiencia e do retorno social dos recursos económicos dispoñibles”.

Xornadas
Estas xornadas están centradas na exposición de experiencias, accións e liñas de traballo das distintas Reservas da Biosfera en España. Preténdese analizar o estado actual e as perspectivas futuras, facendo un repaso polas 40 reservas españolas e centrándose na galaico-portuguesa do Gerês-Xurés.  

Reservas
España conta con 40 espazos catalogados como Reservas da Biosfera, cun total de 3,5 millóns de hectáreas terrestres (un 7% do territorio nacional) e 288.000 hectáreas mariñas. No caso de Galicia, existen catro reservas que son a Área de Allariz; os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; Terras do Miño; Río Eo, Oscos e Terras de Burón; así como a transfronteiriza do Gerês-Xurés.

Precisamente esta última reserva é a que ocupa o eixe central destas xornadas. Conta cunha superficie de 259.496 hectáreas, das que aproximadamente un 24% lle corresponden a España (62.916 hectáreas), xa que comparte territorio co país veciño. Son once os municipios que a integran, dos cales seis pertencen á comunidade autónoma de Galicia (Lobios, Entrimo, Muíños, Lobeira, Bande e Calvos de Randín) e cinco a Portugal (Megaço, Arcos de Valdeve, Ponte da Barca, Terra de Bouro e Montealegre). A Reserva do Gerês-Xurés representa a segunda reserva transfronteiriza española, tras a Intercontinental do Mediterráneo Andalucía e Marrocos.

O Consello Internacional de Coordinación (CIC) do Programa “Hombre y Biosfera” da Unesco incorporou no marco da súa 21 sesión, na illa de Jeju (República de Corea), vinte novas reservas de biosfera entre as que se atopa a Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés.

Valor ecolóxico da Reserva Gerês-Xurés
Desde o punto de vista ecolóxico, a rexión transfronteiriza Gerês-Xurés destaca, segundo a Unesco, pola variedade dos seus ecosistemas de bosque e turbeira, así como polo considerable número de especies endémicas que se desenvolveron baixo a influencia conxunta do clima oceánico e mediterráneo.

Pero máis aló dos valores naturais do espazo, o programa de Nacións Unidas resalta a relación harmónica entre o home e a paisaxe que lle tocou vivir en favor do desenvolvemento sustentable e a conservación do patrimonio arqueolóxico e histórico.

No hay comentarios:

Publicar un comentario