viernes, 1 de marzo de 2013

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, visitou en Castro de Rei unha das zonas nas que se están a desenvolver os labores de prevención que realizan

MÁIS DE SEISCENTAS PERSOAS INCORPÓRANSE HOXE COMO FIXOS DISCONTINUOS AO OPERATIVO DA XUNTA PARA A LOITA CONTRA O LUME
      
§        Este colectivo profesional da Consellería do Medio Rural e do Mar súmase ao operativo todos os anos nestas datas previas á tempada de maior risco, que coincide co verán
§        O persoal propio da Xunta que integra o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPDCIF) sitúase nos 1.500 profesionais




Santiago, 1 de marzo de 2013.- Hoxe venres dá comezo o despregue correspondente á precampaña de loita contra os incendios forestais en Galicia, coa incorporación de máis de 600 persoas ao dispositivo da Xunta, como persoal propio fixo-discontinuo. Este colectivo profesional da Consellería do Medio Rural e do Mar súmase ao operativo todos os anos nestas datas previas á tempada de maior risco, que coincide co verán. Esta mañá a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, acompañada polo secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, visitou en Castro de Rei unha das zonas nas que se están a desenvolver os labores de prevención que realizan estes brigadas.

Segundo sinalou a titular de Medio Rural e Mar, a contratación destes efectivos para estas tarefas de prevención e defensa contra os incendios forestais faise efectiva dende agora e ata mediados do vindeiro mes de novembro, nove meses en total. Deste xeito, indicou Rosa Quintana, refórzase o traballo que desenvolve durante todo o ano o persoal laboral fixo da Administración Autonómica, que supera as 800 persoas.

Así pois, contando ambas modalidades contractuais (fixos e fixos-discontinuos), o persoal propio da Xunta que integra o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPDCIF) sitúase nos 1.500 profesionais.

Brigadas
Os máis de seiscentos traballadores fixos-discontinuos que hoxe inician a súa actividade integran un total de 61 brigadas (con 7 membros cada unha), aos que se engaden 85 condutores de motobomba, 51 emisoristas e 40 vixilantes fixos.

O persoal fixo distribúese noutras 82 brigadas, sendo outros tantos os condutores de motobomba, xunto con 54 emisoristas e 60 vixilantes fixos.

Xa que logo, o Servizo está conformado por 143 brigadas, 167 condutores de motobomba, 105 emisoristas e 100 vixilantes fixos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario