jueves, 14 de marzo de 2013

Este domingo levantase o pano da veda para  troita e ciprínidos


MILLEIROS DE GALEGOS CONTAN CON LICENCIA PARA PESCAR

Vigo.- Texto e Fotos: Merche BREA


Milleiros de galegos, uns en grupo, outros en parella e moitos en solitario, estrearán este domingo, 17 de marzo, a temporada de pesca continental en Galicia. Unha veda que se levanta para peixes e troitas, e que terá como punto de arranque pouco despois das seis da mañá. Todo un acontecemento que ninguén quer perderse e que será seguido, ben directamente por ser practicantes ou familiares; ou de maneira  indirecta  a modo de curiosidade, por unhas 65.000 persoas.
Todo elo a pesar de que as perspectivas, segundos entendidos, non son nada optimistas. As continuas e copiosas chuvias fixeron crecer os ríos máis do debido, condicionando con elo este estreo que ten na campaña precedente e no que a troita se refire, un antecedente nada positivo. De calquera xeito, a animación e desbordante netas vésperas. Pois, aínda que pareza noveloso, o colectivo da cana e o cesto é tan entusiasta e ilusionista, que o leva a crear un clima de euforia,  de paixón e de sentimentos que, ademais de vivilos,  é capaz de tramitárlle-los aquelas persoas do seu entorno, por moito que  tal entusiasmo en nada ou moi pouco se pareza a realidade.

Todo un hábito que forma parte do emocionante deporte da pesca. Como tamén o forma o que a meirande parte dos canistas non logre conciliar o sono días antes do  levantamento do pano da veda. Ver amencer o pé do río. Ou conta-las habituais mentiriñas o remata-lo exercicio pesquil, son outras das costumes do colectivo da cana e o cesto.

 A troita, un ano máis, diante do retraso da apertura para pesca do salmón e do reo (non se abre ata o 1 de maio, agás no Eo que comezará igual que en Asturias), será a “raíña de paixóns” nestes primeiros compases da campaña piscícola 2013; pois os ciprínidos ou “peixes” (bogas, escalos, etc.), se ven tamén se poden pescar a partir do 17 de marzo, non pasan de ter a consideración de “pezas de consolación”, a pesar de resultar a súa pesca especialmente entretida e moi positiva dada a súa abundancia. Claro que tamén é certo, que non estamos na mellor época para tentala súa picada. Polo tanto os seus incondicionais haberán de agardar a que quezan as augas para exercer esta especialidade.

Por outra banda, os mellores trofeos troiteiros atoparémolos nos ríos máis grandes e, sobre todo, nos encoros, puntos de referencia dos exemplares  máis corpulentos. De feito cada ano “salta a sorpresa” nalgún deles “soltando” nos primeiros lances da campaña algún que outro individuo que sempre marca ás diferenzas.
Tocante os mellores cauces troiteiros, a meirande parte dos pescadores coruñeses elixen o  Mandeo, Anllóns e o Tambre. Os ourensáns decantanse polo Arnoia, Xares e Arenteiro. Os lucenses  escollen o Eo, Miño e o Lor. E os pontevedreses quédanse co  Lérez, Umia e Deza.

 Referente os enganos máis axeitados, tal e como van os ríos, a miñoca, alí onde o seu emprego non este prohibido, ha ser a que mellores resultados reporte. En artificiais, o mosquito casque podemos descartalo, mentres a culleriña de paleta branca e o peixe artificial nos pozos, deberan ser os máis efectivos nesta  desveda.

De tódolos xeitos, nesto da pesca, o igual que noutras facetas da vida, a sorte xoga sempre un gran papel e polo tanto será ela a que determine os resultados deste estreo, tan ansiado e agardado por un colectivo que creou unha atmosfera máxica que presidirá, como cada empece, o amencer deste domingo, a pesar das negativas predicións meteorolóxicas.

 En resumo, que o próximo 17 converterase nun domingo “sagrado” para 65.000 discípulos de San Pedro. Os que, con renovados bríos e xa non digamos ansias, farán “vibrar” nestas primeiras xornadas os 10.000 kilómetros de correntes fluviais con que contamos en Galicia, desde o alba ata o ocaso. Ríos, regueiros e encoros que non só teñen o “abarrote” asegurado a pesar do tempo chuvioso que se aveciña, senón que serán escaparates de esperanzas e tristezas, de sosegos e presas, de ilusións e vanidades, de alegrías e fracasos...
Sen dúbida, de todo haberá neses ríos do Señor.


No hay comentarios:

Publicar un comentario