martes, 5 de marzo de 2013

MEDIO RURAL E MAR E A FEDERACIÓN GALEGA DE CAZA TRABALLARÁN XUNTAS NA PREVENCIÓN E DEFENSA CONTRA OS INCENDIOS FORESTAIS
      
§        A titular do departamento autonómico e o presidente da Federación asinaron hoxe un convenio de colaboración

A Consellería do Medio Rural e do Mar e a Federación Galega de Caza traballarán xuntas na prevención e defensa contra os incendios forestais na nosa Comunidade, mediante accións preventivas sobre a poboación e o territorio. Así o recolle o convenio de colaboración asinado hoxe entre a titular do departamento autonómico, Rosa Quintana, e o presidente da Federación, Javier Nogueira.

O obxectivo deste convenio -con vixencia ata o vindeiro 31 de decembro de 2013- céntrase na realización de actividades de prevención e defensa contra incendios forestais a través de tarefas de detección, vixilancia e disuasión a desenvolver polos servizos de vixilancia dos Terreos cinexeticamente ordenados (Tecor). A finalidade común é a de divulgar e concienciar do risco dos lumes, minorar o número de incendios e levar a cabo un rápido control dos mesmos.

Compromisos
Deste xeito, a Federación Galega de Caza comprométese a realizar labores de información e divulgación das medidas preventivas de incendios forestais entre os seus afiliados, emitindo informes cando existan conflitos de intereses que puideran dar lugar a incendios e colaborando cos medios dos Servizos de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, distritos forestais e Corpos e Forzas de Seguridade do Estado. Así mesmo, este organismo proporá actuacións de silvicultura preventiva e de defensa en puntos de auga, viais e todas aqueles puntos que a Federación considere de importancia para o desenvolvemento axeitado da actividade cinexética e para a defensa do monte.

Pola súa parte, a Consellería impartirá formación aos colectivos de cazadores -incluídos os titulares e xestores dos Tecor- sobre o conxunto das accións preventivas e de defensa contemplados no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia, convocando reunións para coordinar e priorizar actuacións e establecendo un protocolo de funcionamento e comunicación.

Comisión de seguimento
Co fin de velar pola execución do presente convenio, crearase unha comisión de seguimento presidida polo secretario xeral de Medio Rural e Montes, polo subdirector xeral de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, polo presidente da Federación Galega de Caza e por outro representante da mesma.

No hay comentarios:

Publicar un comentario