lunes, 9 de abril de 2012

MEDIO RURAL E MAR CUALIFICA DE IRRESPONSABLES E DIFAMATORIAS AS ACUSACIÓNS DA CIG SOBRE O OPERATIVO CONTRA INCENDIOS

§        A Xunta recorda que paradoxalmente este colectivo tachou de “abusivos” os servizos mínimos despregados para a loita contra os lumes na pasada Folga Xeral do 29 de marzo
§        Cómpre lembrar que os efectivos da Xunta e do Estado traballan coordinadamente e baixo un único mando, aumentando así a súa eficacia



Santiago, 9 de abril de 2012.- A Consellería do Medio Rural e do Mar cualifica de irresponsables e difamatorias as acusacións da Confederación Intersindical Galega (CIG) sobre o operativo de loita contra incendios da Xunta de Galicia.

O departamento que dirixe Rosa Quintana non entende como un colectivo que tachou de “abusivos” os servizos mínimos despregados para a loita contra os lumes na pasada Folga Xeral do 29 de marzo poida agora recriminar ao Goberno galego que o seu persoal é “escaso” e que está a repercutir “negativamente” na operatividade do propio servizo. Ante esta imprudencia é preciso facer un chamamento á responsabilidade por parte de todos para non facer demagoxia sobre este asunto, posto que Galicia está diante dun inimigo común, o lume forestal, e o principal obxectivo de todos debe ser o de facerlle fronte con unidade, eficacia e rápida resposta.

A loita contra os incendios forestais faise de acordo cunha planificación que se está a cumprir con rigor e que non convén modificar en aras de evitar que se fomente unha posible economía do lume. O persoal de extinción componse de máis de 1.500 persoas en época de precampaña -moi similar ao persoal do ano anterior-, que se verá amplamente reforzado na campaña de verán. Este operativo está funcionando de xeito correcto e organizado, posto que os lumes se apagan a medida que se producen. Tales acusacións desprestixian o labor destes profesionais que, diariamente, loitan contra o lume e levan apagado algún día máis de 90 lumes nunha soa xornada.

A Xunta traballa constantemente na adecuada distribución e organización das brigadas, de xeito que se fagan máis operativas en cada situación.

Coordinación baixo un único mando
O operativo -tanto da Xunta como do Estado- funciona correctamente posto que traballa baixo un único mando, o Servizo de Incendios da Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes, polo que falar de “descoordinación” non ten cabida.

No hay comentarios:

Publicar un comentario