sábado, 18 de agosto de 2012

HOXE ENTRA EN VIGOR A LEI DE MONTES DE GALICIA

§        O seu principal obxectivo é asegurar o aproveitamento e conservación do monte galego a partir da súa sustentabilidade económica, social e ambiental
§        A norma responde a unha vella necesidade e demanda do sector e resulta coherente e acaída coas peculiares características do territorio galego, no que o monte e os espazos forestais ocupan máis de dous terzos da superficie total

Santiago, 17 de agosto de 2012.- Hoxe entra en vigor a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de Montes de Galicia, publicada o pasado día 23 de xullo no Diario Oficial de Galicia (DOG). Esta é a primeira norma galega con rango de lei que regula todo o relacionado co monte e a riqueza forestal na nosa Comunidade. O seu principal obxectivo é asegurar o aproveitamento e conservación do monte galego a partir da súa sustentabilidade económica, social e ambiental. Outros fins desta norma son a potenciación dos aproveitamentos do monte e a súa coordinación con outros usos, o avance na correcta ordenación dos terreos forestais, a preservación e fomento das masas de bosque autóctono e a reorganización e mellora da loita contra os incendios.

Esta lei responde a unha vella necesidade e demanda do sector e resulta coherente e acaída coas peculiares características do territorio galego, no que o monte e os espazos forestais ocupan máis de dous terzos da superficie total da Comunidade Autónoma.

O texto legal que hoxe entra en vigor, elaborado e tramitado cun alto grao de consenso co sector forestal e con vocación de permanencia no tempo, ten moi en conta o carácter minifundista da propiedade en Galicia, traballando e dispoñéndose para corrixilo. Recolle ademais, dentro das ferramentas de explotación, medidas como as Sociedades de Fomento Forestal (Sofor), que consolidan a propiedade a través de fórmulas de aproveitamento máis dinámicas. Nesa mesma liña, a norma fomenta tamén o reinvestimento dos beneficios do monte como modelo de dinamización económica.

A Lei de montes de Galicia estrutúrase nun título preliminar e doce títulos, cun total de cento corenta e sete artigos. Incorpora ademais catro disposicións adicionais, catorce transitorias, unha derrogatoria e seis derradeiras. Conclúe con dous anexos, nos que se relacionan, respectivamente, as especies forestais de crecemento lento para determinados efectos desta lei e as distancias mínimas que deben cumprir as repoboacións forestais.


 
Cambios de actividade
Nesta norma teñen especial consideración os cambios de actividade forestal a agrícola e viceversa, para favorecer a ampliación da base territorial das explotacións agrogandeiras, unha ordenación dos usos do territorio e a compatibilidade entre ambos aproveitamentos. As esixencias para o cambio de agrícola a forestal son moito maiores que en sentido contrario. Así, no primeiro caso establécese a obriga previa de que o terreo se atope en estado de manifesto abandono e que permaneza nun banco de terras durante cando menos dous anos, mentres que no segundo suposto abonda cunha simple comunicación cando se trata de superficies de matogueiras. Os condicionantes aumentan progresivamente despois, en función do tipo de especie arbórea e da súa idade media.

Tamén en relación cos usos do monte, o texto legal que hoxe entra en vigor contempla unha clara e concisa ordenación das distancias das novas plantacións, refundindo por primeira vez, nunha única táboa, a normativa sobre o particular.

No que atinxe aos aproveitamentos, contémplanse non só os relacionados coa madeira (dos que se simplifican a súa regulación e trámites), senón tamén os de pastos, froitos e cogomelos, biomasa forestal e os vinculados coas actividades sociorecreativas, turísticas, culturais ou mesmo coa paisaxe.

Nesta liña dos aproveitamentos establécese un novo marco de ordenación forestal a través dos instrumentos de ordenación ou de xestión forestal, con especial consideración ás pequenas propiedades, que faciliten a certificación forestal. Consolídase, ademais, a figura xurídica das sociedades de fomento forestal (SOFOR).

Esta lei incide ademais na obriga de reinvestir unhas porcentaxes dos ingresos que xeran os montes para a xestión forestal dos mesmos, e se crea por primeira vez para montes públicos e de xestión pública un Fondo de melloras específico que actuará a modo de capital circulante, capitalizando terreos forestais que necesiten dun primeiro investimento.

Melloras contra os incendios
Esta nova norma incorpora ademais unha serie de modificacións da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia que manteñen o seu espírito, pero organizan distintos aspectos, para unha maior operatividade, mediante a clarificación das obrigas e deberes dos distintos actores implicados.

Entre as melloras introducidas cómpre destacar a reorganización da planificación preventiva, definindo outros tipos de franxas de xestión de biomasa e clarificando a administración responsable subsidiaria da súa execución e mantemento e a redución e racionalización das anchuras das franxas de xestión de biomasa, segundo as necesidades reais de defensa ás vivendas illadas, núcleos rurais, campings, novas urbanizacións, industrias, etc.

Modifícanse tamén as prohibicións de acceso e permanencia no monte nas épocas de alto risco, sen penalizar aos propietarios nin as actividades reguladas e controladas.

A nova lei permite ademais á Xunta asinar convenios de colaboración cos concellos para traballos preventivos, como ata o de agora, e tamén outros novos para a xestión de biomasa en parcelas dentro das franxas secundarias con propietarios descoñecidos, unha vez feitas as análises de propiedade, algo que a normativa sobre incendios non permitía.

No hay comentarios:

Publicar un comentario