miércoles, 13 de abril de 2016

A LAMPREA PRODUTO TURÍSTICO GALEGO


A directora de Turismo de Galicia presentou no Centro Superior de Hostalería de Galicia a Ruta da Lamprea

 
NAVA CASTRO DESTACa O ALTO VALOR DIFERENCIAL DESTE NOVO PRODUTO TURÍSTICO galego

§           Sinala que a Ruta da Lamprea dará a coñecer o importante patrimonio que rodea a este peixe e a súa captura poñendo en valor ao tempo os principais recursos naturais e culturais de dezaoito municipios galegos

§           Explica que este novo produto combina os recursos que atesouran os municipios galegos situados nas beiras dos ríos Miño, Ulla e Tambre coa visita a lugares de interese natural e cultural da súa contorna

Santiago.
 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou hoxe no Centro Superior de Hostalería de Galicia a Ruta da Lamprea nun acto que contou coa presenza da directora do Centro, Marta Fernández, e numerosos alcaldes dos concellos galegos polos que discorre así como representantes do sector.
A directora de Turismo de Galicia destacou que este novo produto turístico diferenciador de Galicia comprende dezaoito municipios galegos situados nas beiras dos ríos Miño, Ulla e Tambre. A este respecto, Nava explicou que a Ruta da Lamprea porá en valor turístico os principais recursos naturais, gastronómicos e culturais destes concellos ao redor dos labores de pesca e a gastronomía deste singular peixe.


Durante a presentación, a responsable de Turismo de Galicia explicou que a lamprea habita desde fai máis de 500 millóns de anos nos ríos Tambre, Ulla e Miño e dependendo do río e do emprazamento no seu curso, utilízanse diferentes construcións e sistemas de captura.
Neste senso, Nava Castro sinalou que a fama da que goza a lamprea a nivel internacional, non só é atribuíble á calidade do produto, senón tamén á forma artesanal da súa captura. “Tanto as pesqueiras como as artes de pesca son elementos tradicionais e singulares do territorio e da paisaxe que integran o patrimonio material e inmaterial dos concellos galegos situados ás marxes destes ríos constituíndo elementos de gran potencial turístico”, afirmou.
A directora de Turismo de Galicia explicou que a Ruta da Lamprea combina este compendio de recursos que atesoura cada unha das zonas dos tres ríos coa visita a lugares de interese natural e cultural a súa contorna.
Deste xeito e segundo resaltou Nava Castro, este novo produto turístico dará a coñecer o importante patrimonio que rodea a este peixe e á súa captura, mostrando aos visitantes desde as artes de pesca como as pesqueiras ou as estacadas, ata recursos naturais e culturais, como miradoiros, paseos, pontes ou capelas, entre outros elementos. Así, destacou que a ruta ofrece multitude de restaurantes que permiten degustar este manxar de maneiras moi diversas.

”Con todo, a Ruta da Lamprea constitúe un novo produto turístico que potenciará a oferta turística dos dezaoito municipios que integra a través de diversos itinerarios que aglutinan diferentes recursos que conxuntamente constitúen un gran atractivo”, aseverou.

 Valor diferencial da lamprea

Por outra parte, a directora de Turismo de Galicia resaltou o alto valor diferencial da lamprea destacando que, ademais da nova ruta presentada no día de hoxe, en torno a este animal existe tamén en Galicia o Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea no que se dá a coñecer a través de paneis divulgativos, vídeos e diferentes materiais interactivos este peixe e o viño da D.O. Rías Baixas.
Finalmente, Nava Castro fixo referencia ás diversas festas gastronómicas dedicadas á exaltación deste produto que atesoura a nosa comunidade  destacando a festa de interese turístico de Galicia de Arbo, a máis antiga e famosa de España.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario