jueves, 14 de abril de 2016

Galicia a vangarda da investigación mariña


A XUNTA ENXALZA EN MADRID A ACTIVIDADE DO INTECMAR, CONSIDERADO DE REFERENCIA MUNDIAL NO CONTROL DOS ECOSISTEMAS MARIÑOS

§      Covadonga Salgado explicou que o centro realiza en torno a 135.000 análises e emite máis de 2.000 informes anualmente, para posibilitar o funcionamento dos plans de explotación das entidades marisqueiras.
§      Sinalou que o instituto publica ao ano entre 400 e 500 resolucións de peches ou aperturas das distintas zonas de explotación de moluscos bivalvos existentes en Galicia, atendendo á situación microbiolóxica e de biotoxinas.

Santiago.  A  directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR), Covadonga Salgado, impartiu esta tarde a conferencia O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR), referencia internacional no control dos ecosistemas mariños”. No relatorio, enmarcado no ciclo “Galicia á vangarda da investigación Mariña” e organizado pola Casa de Galicia en Madrid, a directora do instituto deu a coñecer as funcións de control dos ecosistemas mariños que desenvolve este centro oficial da Administración Autonómica de Galicia, considerado un referente mundial na materia.
Tamén repasou as funcións do INTECMAR para a supervisión da calidade do medio mariño e a aplicación da lexislación en materia de control técnico-sanitario dos produtos do mar, no que se refire ás condicións oceanográficas, ao fitoplancto, ás biotoxinas, á microbioloxía e viroloxía, aos metais pesados, aos compostos organoclorados e aos hidrocarburos.
Nesta liña, a directora do Intecmar explicou que o centro realiza en torno a 135.000 análises e emite máis de 2.000 informes anualmente, co fin posibilitar o funcionamento dos plans de explotación das entidades marisqueiras. Sinalou ademais que este instituto publica ao ano entre 400 e 500 resolucións de peches ou aperturas das distintas zonas de explotación de moluscos bivalvos existentes en Galicia, atendendo á situación microbiolóxica e de biotoxinas maioritariamente.
No eido da sanidade animal, Covadonga Salgado deu conta do control de patoloxías en moluscos bivalvos realizado polo centro. Este labor é fundamental para dar cumprimento á lexislación relativa aos requisitos zoosanitarios dos animais e produtos da acuicultura, así como para previr determinadas patoloxías nas principais especies comerciais que se explotan en Galicia.
Por outra banda, a directora do Intecmar explicou que o centro tamén traballa no desenvolvemento de ferramentas contra a contaminación mariña accidental. Neste sentido, explicou o papel que desenvolve o Instituto de Vilaxoán no Plan de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan CAMGAL) para facerlle fronte a un episodio de contaminación mariña accidental que se produza ou afecte ao litoral da Comunidade galega. Finalmente, Covadonga Salgado lembrou que o INTECMAR participa en numerosos proxectos científicos e proporciona un apoio fundamental aos grupos investigadores, pola gran cantidade de datos que produce e pon á súa disposición.
Esta conferencia é a quinta das seis que comprende o ciclo “Galicia á vangarda da investigación Mariña”, un ciclo que segundo sinalou o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López, “está destinado a difundir o gran labor que están realizando os investigadores galegos, que contan con traballos recoñecidos nas publicacións científicas máis prestixiosas, liderando o número de proxectos financiados pola Unión Europea no eido mariño”. José Ramón Ónega amosou a súa satisfacción pola celebración desta iniciativa na Casa de Galicia, xa que, sinalou, Galicia é un referente na produción de moluscos e é a primeira produtora de mexillón de Europa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario