MEDIO RURAL E INDITEX COLABORAN NA INNOVACIÓN E
MELLORA FORESTAL DE GALICIA
§
O Centro de Investigación
Forestal de Lourizán, en Pontevedra,
acolleu unha nova xuntanza da Comisión de Seguimento do convenio asinado entre
ambas partes para esta finalidade
Santiago- A Consellería do Medio Rural e
Inditex colaboran no impulso ao sector forestal galego, no marco do “Plan de
Innovación e Mellora Forestal 2010-2020”. O Centro de Investigación Forestal de
Lourizán, en Pontevedra, acolleu neste
mes de abril unha nova xuntanza (a cuarta) da Comisión de Seguimento do
convenio asinado entre ambas partes para esta finalidade.
O devandito Plan de Innovación e Mellora Forestal ten por obxectivo principal
incrementar a produción e a calidade dos produtos forestais, entendidos como
materia prima da industria forestal galega. Procura así mellorar a
competitividade do eido forestal mediante unha xestión sustentable que garanta a
conservación e a protección dos recursos e potencie o efecto dos bosques como
sumidoiros de carbono. Trátase, en definitiva, de conseguir un equilibrio de
usos dos montes baseado en criterios técnicos de multifuncionalidade que
redunde de xeito positivo no contexto socioeconómico de Galicia.
Medio Rural e Inditex estableceron un réxime
de colaboración para a aplicación deste plan, reforzando a estrutura do centro
de Lourizán. O convenio persegue apoiar tres programas diferentes, centrados
nos ecosistemas forestais, a mellora xenética e silvícola e a protección
forestal. Ademais, o acordo aborda tamén a dotación de investigadores
post-doctorais especialistas nas actividades previstas no plan e a formación de
persoal investigador durante o seu período de vixencia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario