miércoles, 8 de junio de 2016


A feira Abanca Semana Verde abre mañá as
súas portas con 590 expositores, 77.904 metros
cadrados e máis de 170 actividades distintas

·       REVALIDARÁ ASÍ A SÚA CONDICIÓN DE MAIOR CERTAME MULTISECTORIAL DE MOSTRAS E OCIO DO NOROESTE PENINSULAR, CUXA ENTRADA SERÁ GRATUITA

·       SERÁ INAUGURADA AS 13.00H POLO VICEPRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA

A Feira Internacional Abanca Semana Verde de GALICIA abre mañá as portas da súa 39ª edición coa presenza de 590 expositores directos, o que supón un 18% máis que en 2015, e unha superficie de ocupación (expositores e actividades) de 77.904m², un 10% máis. A iso unirase un programa con máis de 170 actividades distintas, as cales tamén superan as 150 que se celebraran na pasada edición.

En canto ao número de expositores, o seu aumento ven dado, por unha banda, polo incremento en todos os seus certames paralelos, xa que Salimat Abanca conta cun 14% máis de empresas presentes, Fecap Abanca cun 55% e Festur cun 42% máis de festas representadas, e por outra, pola celebración de novo de Festur no marco da feira, pola incorporación de Turexpo Galicia e pola presenza das ganderías participantes nos concursos de gando frisón, os cales soamente se celebran en Abanca Semana Verde os anos pares.

Como consecuencia deste incremento de empresas e entidades presentes prodúcese un aumento na superficie ocupada, contribuíndo a isto o uso de espazos que facía anos que non se empregaban na feira, como o pavillón 4, onde se localiza Fecap Abanca nesta edición debido ao seu crecemento.

A diversidade volverá caracterizas á feira Abanca Semana Verde, xa que ademais destes certames paralelos, centrados na alimentación, a caza, pesca e natureza e o turismo, contará de novo con numerosos sectores que van dende gandería, biomasa, mascotas ou pequena maquinaria para xardín ata decoración, mobiliario e artesanía, ademais de moitos outros tipos de produtos e servizos. Unha completa oferta á que se une un amplo programa con actividades dos máis variados ámbitos.

Con todo elo a feira Abanca Semana Verde de Galicia revalidará a súa condición de maior feira multisectorial de mostras e ocio do noroeste peninsular, á cal os visitantes poderán acceder de forma gratuíta por sétimo ano consecutivo. Soamente se abonará o aparcadoiro, que terá un módico prezo de 2€ destinados a incrementar a calidade do programa de actividades da feira.

A feira será inaugurada ás 13.00 horas de mañá polo vicepresidente da Xunta de Galicia e presidente da Fundación Semana Verde, Alfonso Rueda Valenzuela, quen estará acompañado da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, doutras autoridades e do director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán.

Certames paralelos

O 20º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca 2016, converterase un ano máis nunha plataforma de negocio e escaparate tanto para a distribución como para produtos de calidade, artesáns, gourmet e innovadores.

Os seus Encontros de Compradores, realizados co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), volverán a contribuír á internacionalización das empresas a través de reunións de negocio con 27 importadores, distribuidores e restauradores de 6 países. Mentres, a súa área Alinova dará relevancia aos produtos innovadores, estando presentes 70 novos alimentos que supoñen un 75% máis que na pasada edición, como paté de bonito con grelos, auga de polbo para cociñar ou flan de queixo do Cebreiro con caramelo de licor café.

En canto a Fecap Abanca, respaldado pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza e outras moitas entidades do sector, celebrará a súa terceira edición cun amplo programa e un incremento de expositores. Cetrería e criadores de cans, armerías, remolques, equipamento e accesorios para caza e pesca, federacións, seguros ou medio ambiente serán algúns dos sectores presentes.

Turexpo Galicia e Festur, as cales se celebran conxuntamente e de forma paralela a esta edición de Abanca Semana Verde co apoio da Axencia Turismo de Galicia, incorporan o sector do turismo á feira coa presenza de distintas empresas e 27 concellos que promocionarán 37 festas de interese turístico das catro provincias galegas, ademais dun programa con vertente profesional nas súas reunións de negocio e para público xeral con propostas de Festur.
                                                                                                         
Máis de 170 actividades distintas

A diversidade da feira tamén se reflicte no seu completo programa de actividades. Estará formado por máis de 170 distintas nas que se incluirán numerosas novidades.

O programa de Fecap Abanca destacará polo seu número de propostas relacionadas coa caza, pesca e natureza, con 40 actividades, entre elas exhibicións de tiro con arco ou cetrería,  demostracións de tiro ao branco ou montaxe de moscas para pesca, conferencias, competicións caninas como a da raza Azul de Gascuña, cursos de pesca para nenos ou talleres sobre recoñecemento de aves. Uniranse a elas a III Exposición de Cans de Caza, na cal participan sobre 200 cans.

Pola súa banda, Salimat Abanca, ademais dos Encontros de Compradores e a área Alinova, contará con cerca de 50 actividades distintas, entre elas numerosas catas, maridaxes e degustacións de diversos produtos, showcookings, conferencias sobre o sector vitivinícolas ou a biomasa no sector agroalimentario, talleres, actividades didácticas sobre alimentación saudable ou o II Encontro Gastroblogger

Turexpo Galicia e Festur terán como eixo central das súas actividades diversas exhibicións, exposicións e degustacións de distintas festas de interese turístico e tamén a Bolsa de Contratación Turística, a cal contará nesta edición con 31 touroperadores de 10 países, os cales se reunirán con 79 empresas turísticas que lles amosarán as súas propostas.

As actividades caninas serán tamén moi numerosas, ofrecendo a posibilidade de desfrutar de competicións de axilidade e de beleza, como o XIII Concurso Nacional Canino, un recoñecemento de razas de cans para obter o pedigrí ou propostas co can de palleiro como protagonista, entre elas exhibicións de “Allo”, estrela dun anuncio televisivo. Tamén haberá propostas equinas, as cales ademais de centrarase no cabalo de pura raza galega, acollerán o primeiro concurso morfolóxico internacional de cabalos árabes que se celebra en Galicia.

A área de gandería tamén ofrecerá un completo programa, centrado nos concursos de gando frisón, nos que participan 101 exemplares galegos de alta xenética, e nas razas autóctonas galegas en perigo de extinción, as cales celebrarán varios concursos morfolóxicos e presentarán o selo das súas razas bovinas “100% Raza Autóctona”. Ademais, celebrarase o XX Monográfico de Gando Porcino ou unha exposición da raza rubia galega.

O programa completarase con outras actividades de gran interese e carácter especialmente lúdico, como espectáculos de motor, a II Carreira Popular Abanca Semana Verde de Galicia, a exposición itinerante de réptiles máis grande de Europa, a mostra da cabina dun avión de combate ou a xuntanza anual do popular programa Pensando en Ti, o cal espera reunir 20.000 persoas.

 

 

 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario