viernes, 29 de junio de 2012

ADEGA-COMPOSTELA CRITICA E DENUNCIA A FALTA DE SENSIBILIDADE AMBIENTAL DO CONCELLO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza na súa delegación de Compostela quere manifestar o seu desagrado cara as accións que por parte do Concello de están a levar a cabo no ámbito municipal en materia medioambiental.

Logo dun ano de goberno popular no Concello de Santiago, dende ADEGA podemos ver cales son as políticas ambientais que se puxeron en marcha dende o goberno municipal: NINGUNHA. A ausencia total de sensibilidade cara o noso medio ambiente non é o único problema ao que se enfrontan os cidadáns de Compostela, senón que ademais se desenvolven accións que agreden directamente a diversidade natural do municipio. É o caso das accións que se están a realizar na Av. Rodríguez de Viguri nas obras de construción dunha rotonda coa eliminación indiscriminada de árbores e arbustos. Esta acción pon de manifesto a falla total de criterio ambiental e de planificación urbanística que amosan os diferentes departamentos do concello de Santiago. Poderíase ter feito a rotonda en outra época do ano na que fose factible realizar un transplante das especies que na actualidade se están a cortar. Adxuntamos dúas fotografías onde se pode apreciar a desfeita que se está a facer nesta zona de Compostela.
Ademais, o Concello amosa un total desleixo cara o medio ambiente e a educación ambiental, poñendo fin a dez anos de programa de educación ambiental no Concello, onde os centros de ensino tiñan á súa disposición un programa de actividades gratuíto relacionado co medio ambiente en xeral.

Logo dun ano de goberno, non se ten convocado o Consello Municipal de Medio Ambiente, cando a participación da sociedade nesta materia é fundamental para garantir un desenvolvemento sustentábel no ámbito municipal. A convocatoria do Consello Municipal de Medio Ambiente amosaría por parte do Concello a vontade de transparencia e de informar á cidadanía das accións que en materia de medio ambiente pretende facer o goberno municipal. Coa ausencia de convocatoria o goberno actual do Concello pon de manifesto cales son en realidade as súas intencións cara o noso medio ambiente e cara a participación social nesta materia, como xa se viu na aprobación da ordenanza de ocupación de vía pública, que vulnera dereitos constitucionais básicos e atenta contra o tecido asociativo compostelán.
Por todo isto, dende ADEGA-Compostela queremos manifestar a nosa oposición ás políticas ambientais e sociais que dende o goberno municipal se están a desenvolver.

No hay comentarios:

Publicar un comentario