jueves, 25 de agosto de 2011

MEDIO RURAL APLICA A LEI NA DEFENSA DA RIQUEZA DA PESCA FLUVIAL DE GALICIA DIANTE DA MORTALIDADE DE PEIXES NO ULLA

  • Segundo a normativa en vigor, sempre que ten coñecemento dun caso deste tipo a Consellería está obrigada pola Lei 7/1992, do 24 de xullo, da Pesca Fluvial de Galicia, a abrir o correspondente expediente
  • Segundo as primeiras estimacións provisionais, a morte dos peixes puido deberse a un fallo na depuradora de augas residuais deste municipio
  • Polo de agora téñense recollido 1.350 exemplares de troita nun tramo de 1,5 quilómetros deste río ao seu paso polo concello lugués de Monterroso

A Consellería do Medio Rural, como departamento competente en materia de conservación da natureza, aplica a Lei /1992, do 24 de xullo, da Pesca Fluvial de Galicia, na defensa e fomento da riqueza piscícola diante da mortalidade de peixes no río Ulla ao seu paso polo concello lugués de Monterroso que, segundo as primeiras estimacións provisionais, puido deberse a un fallo nas instalacións da Depuradora de Augas Residuais do citado municipio.

Tal e como establece a mencionada lei, no seu título cuarto (artigo 28), de “control e policía de augas continentais”, corresponde aos axentes facultativos medio ambientais de Conservación da Natureza velar polo “cumprimento dos preceptos establecidos nesta lei e denunciar as infraccións que contra a mesma se produzan, tendo, a tales efectos, a consideración de axentes da autoridade”.

Tamén de acordo coa normativa vixente, o expediente aberto por estes axentes seguirá o procedemento legal habitual. Será o Servizo Xurídico Administrativo do departamento territorial de Lugo da Consellería do Medio Rural o que se encargue de xestionar o expediente e de determinar que vía xurídica se segue, tras demandar ás partes implicadas a información que estime oportuna para a resolución do devandito procedemento.

Se así se considera o instrutor, o caso podería pasar á Fiscalía por un presunto delito ecolóxico, pero cómpre salientar que o feito de abrir o correspondente expediente por parte de Medio Rural non presupón que o procedemento derive, necesariamente, en sanción ou que pase á Fiscalía. Isto será algo que determine a marcha do propio proceso.

Procedemento legal previsto

Sobre este tema, o conselleiro Samuel Juárez, respondendo a preguntas dos medios de comunicación, remarcou hoxe no Courel, que é obriga e competencia de Medio Rural vixiar a conservación da fauna e flora dos ríos. Subliñou que “a apertura do expediente é un procedemento legal previsto para investigar e depurar responsabilidades sobre o dano causado nun entorno natural, que se ten que desenvolver e sacar conclusións”. “O que non se fai desde a Consellería do Medio Rural é prexulgar o que se deriva do expediente”, asegurou.

Así mesmo, Juárez sinalou que lle sorprende que “se lle bote a culpa á Xunta, cando a instalación é de titularidade municipal”. Apostilou que “cando un político é responsable de algo ten que asumir esa responsabilidade, ao tempo que explicou que o feito de que un responsable político pida axuda ou colaboración a outra administración para resolver un problema non lle exime da súa responsabilidade”.

Peixes mortos

A aparición de peixes mortos nun tramo do río Ulla ao seu paso polo concello lugués de Monterroso puido deberse, segundo as primeiras estimacións provisionais, a un posible fallo na depuradora que tería causado unha obstrución nos condutos das augas residuais, razón pola cal as augas sen tratamento foron parar ao río. Ata o de agora téñense recollido uns 1.300 exemplares de troita, incluíndo as recollidas esta mañá.

Pendentes aínda de confirmación definitiva, estímase que a falta de osíxeno na auga, producida pola contaminación orgánica, pode ser unha das principais causas destas mortes, consecuencia dese posible fallo na estación depuradora. Ao tempo, non se desbota que as treboadas incidisen tamén na calidade da auga, ao verse a EDAR sobresaturada pola excesiva cantidade de caudal que foi parar ás súas instalacións.

Os técnicos de Medio Rural traballaron, dende o pasado luns, nas tarefas de retirada dos peixes mortos nas proximidades do tramo de 1,5 quilómetros do río Ulla afectado. Os exemplares recollidos trasládanse  ao Centro do Veral, onde se están a estudar, a través de necropsia e análises toxicolóxicas, diferentes mostras dos mesmos, para determinar as causas da mortalidade. Algúns dos peixes que xa están no centro foron conxelados para o seu posterior análise, antes da eliminación dos restos por parte dun xestor de residuos autorizado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario