lunes, 22 de agosto de 2011

O DOG PUBLICABA O PASADO DÍA 12 DE AGOSTO O DECRETO QUE REGULA E ACTUALIZA O CATÁLOGO GALEGO DE ESPECIES AMEAZADAS

Mediante o Decreto inclúense sete novas especies na categoría “Vulnerables” e axilízase o procedemento administrativo para cambiar de categoría, incluír ou retirar especies do Catálogo

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicaba o pasado día 12 de agosto o Decreto polo que se modifica o resolución 88/2007, do 19 de abril, pola que se regula e actualiza o Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA). O obxectivo da norma é dobre, por unha banda, actualizar a lista de especies incluídas no CGEA e, asemade, modificar o procedemento para a inclusión, cambio de categoría ou exclusión dunha especie no mesmo, que se levará a cabo mediante Orde da consellería competente en materia de conservación da natureza.
Con respecto á actualización de especies do Catálogo Galego, incorpóranse 6 novas especies na categoría “Vulnerables”, con presenza en Galicia e que anteriormente non estaban catalogadas. Recentemente foron incorporadas ao Catálogo Español de Especies Ameazadas. Trátase da bucina mariña (Charonia lampas L.); a libélula (Oxygastra curtisii); no tocante ás aves, a aguia pescadora (Pandion haliaetus L.) e o curroxo real (Phoenicurus phoenicurus L.); mentres que na sección de mamíferos estarían os morcegos Nyctalus noctula e o Nyctalus lasiopterus. Así mesmo, englóbase no CGEA outra especie na categoría “Vulnerable”, trátase do carballo anano (Quercus lusitanica).
Xestión máis áxil mediante Orde
Mediante a outra liña dese dobre obxectivo da norma, referida á actualización, o Decreto reduce os trámites necesarios para o cambio de categoría, así como para a incorporación ou exclusión de novas especies no CGEA, axilizando o procedemento administrativo de xestión.
O Catálogo Galego de Especies Ameazadas estableceuse como instrumento para a protección da biodiversidade que debe ser dinámico, dando resposta á actualización da información dispoñible sobre o estado de conservación das especies. Neste sentido, a inclusión ou exclusión dunha especie mediante Decreto non se amosou como un procedemento suficientemente áxil para actualizar a catalogación das especies, sendo a aprobación mediante Orde da consellería competente en materia de conservación da natureza un procedemento con suficientes garantías legais e máis áxil na súa tramitación.
Con este Decreto afóndase nun dos aspectos prioritarios aos que se debe prestar unha atención preferente, como é a conservación daquelas formas de vida e os seus hábitats, que na actualidade corren un maior risco de desaparecer, aspecto que foi recollido na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, así como na Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario