lunes, 22 de agosto de 2011

MEDIO RURAL AUTORIZOU NUN ANO PRETO DE TRECE MIL BATIDAS DE XABARIL, NAS QUE SE ABATERON MÁIS DE DEZ MIL PEZAS


§        O número destas actividades cinexéticas permitidas pola Consellería multiplicouse por tres nos últimos seis anos
§        A Xunta agarda que o esforzo da maioría dos tecores nos que se rexistra unha especial incidencia de danos causados por esta especie dea os seus froitos en colaboración cos agricultores e gandeiros, apoiados pola Administración

Medio Rural autorizou entre agosto de 2010 e agosto de2011 preto de 13.000 batidas de xabaril en Galicia, nas que se abateron máis de 10.000 exemplares. Ademais, o número destas actividades cinexéticas permitidas pola Consellería multiplicouse por tres nos últimos seis anos.

Medio Rural quere recoñecer a colaboración da maioría dos titulares de terreos cinexéticos ordenados (tecores) nos que se rexistra unha especial incidencia deste problema. A caza é o principal sistema de control desta especie e a Consellería está a adoptar tódalas medidas necesarias para evitar atrancos onde hai unha superpoboación.

Entre as actuacións que está levando a cabo o departamento que dirixe Samuel Juárez está o seguimento e control do cumprimento dos cupos de capturas autorizados a cada sociedade de caza; a autorización inmediata sen comprobación das accións de caza por danos en concellos onde se rexistra unha maior incidencia dos mesmos no seu territorio; ou o establecemento da “espera” como modalidade única de caza, en períodos de cría das especies. Así mesmo, estase apoiando a participación de cuadrillas de cazadores para actuar onde continúen existindo serios problemas de danos e a revisión das zonas vedadas.
Esforzo dos tecores
Medio Rural agarda que este esforzo dos tecores e da propia Administración conseguirá frear o crecemento do número de xabarís, de maneira que o seu censo volverá a niveis que fagan posible que os danos sexan asumidos pola sociedade galega en xeral.

A Consellería considera que os agricultores, gandeiros e cazadores, apoiados pola Administración, deben traballar de xeito conxunto e coordinado para tratar de atopar, o mais axiña posible, unha solución que permita manter a diversidade biolóxica da nosa Comunidade –que constitúe unha importante riqueza– sen que ninguén se vexa afectado na súa economía, e non vai escatimar esforzos por conseguilo.

Cambio da lexislación
Nesta mesma liña, Medio Rural está a traballar co resto das comunidades autónomas e co Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño (Marm) para promover un cambio na lexislación actual, que obriga aos titulares dos terreos cinexéticos especiais a asumir os custes de ditos danos.

Ademais, a Consellería contempla no borrador da nova Lei de caza de Galicia un texto neste mesmo sentido, así como a creación dun fondo dirixido a paliar os danos de toda a fauna silvestre, que estaría dotado coas achegas de todas as partes implicadas.

Comunicación dos danos
Por último, Medio Rural insiste en lembrar aos agricultores afectados polos danos do xabaril a necesidade de que dean conta dos mesmos para que poidan ser debidamente rexistrados e propiciar así que os tecores podan realizar as batidas nun municipio ou área determinada, co obxectivo de controlar as poboacións e minimizar os danos. De feito así se está a facer dende a Consellería, autorizando coa maior axilidade posible as batidas cando se rexistra unha actividade intensa, comunicada polos canais establecidos (a través de concellos, organizacións profesionais agrarias e os propios departamentos de Medio Rural).


No hay comentarios:

Publicar un comentario