martes, 21 de mayo de 2013

A COLABORACIÓN ENTRE A XUNTA E OS CONCELLOS CONTRA O LUME NOS MONTES PERMITIRÁ AMPLIAR O DISPOSITIVO CON ATA 275 NOVAS BRIGADAS MUNICIPAIS
  
§      Así o destacou a conselleira do Medio Rural e do Mar, tras reunirse co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para coordinar os traballos dun operativo que responderá ao mando único da Xunta
§      O Goberno galego achegará máis de 21 millóns de euros en axudas para labores de silvicultura e reforestación

A Xunta e os concellos galegos colaborarán na loita contra os incendios forestais completando o dispositivo anti-incendios propio da Administración autonómica con ata 275 novas brigadas municipais neste verán, que responderán ao mando único do Goberno galego. Así o destacou hoxe a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, tras reunirse co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), José Manuel Rey, para coordinar estes traballos. Unha xuntanza na que tamén participou o secretario xeral do Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto.


Rosa Quintana destacou que “todos os concellos están coa mesma sensibilidade que a Xunta” para facer fronte a esta lacra e que existe unha “excelente coordinación” entre administracións. Unha coordinación que xa se veu acreditando coa formación dos grupos de Emerxencia por toda Galicia “e agora tamén coas brigadas que van facer prevención”, engadiu.

A Xunta e os municipios están a ultimar os correspondentes convenios que permitirán completar o dispositivo e que se asinarán nas vindeiras semanas. A través de cada convenio, a Administración autonómica aportará un mínimo do 75% do custe de cada brigada. A conselleira agradeceu o compromiso do presidente da Fegamp e dixo que esta colaboración “vai cambiar tamén un pouco a imaxe da ordenación do noso territorio, xa que imos tentar que todas as franxas que bordean os núcleos rurais e os núcleos urbanos se manteñan limpas”.

Silvicultura e reforestación
A conselleira do Medio Rural e do Mar anunciou tamén hoxe que a Xunta achegará entre este ano e o que ven máis de 21 millóns de euros en axudas para financiar traballos de silvicultura e reforestación nos montes galegos. No primeiro caso –para labores de silvicultura– o importe das subvencións, que se convocarán este mesmo ano, superará os 6 millóns de euros. Para reforestación as axudas sairán entre este ano e o que ven e o seu importe se situará arredor dos 15 millóns de euros.

Neste contexto, a conselleira explicou que con estas e outras actuacións que se poidan poñer en marcha –como a plantación de castiñeiros e o aproveitamento dos xa existentes– “intentaremos actuar sobre unha superficie de unhas mil hectáreas de terreo", polo que se amosou convencida de que neste ámbito “vai haber un antes e un despois en Galicia”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario