viernes, 10 de mayo de 2013



O COMITÉ DE COORDINACIÓN POLICIAL ANTI-INCENDIOS PREPAROU A CAMPAÑA DE MÁXIMO RISCO E AVALIOU A ACTIVIDADE INCENDIARIA DOS ÚLTIMOS MESES


  • O secretario xeral do Medio Rural e Montes presidiu hoxe a reunión deste órgano, no que están representados, ademais da propia Xunta, os diferentes corpos e forzas de seguridade que colaboran na loita contra os lumes forestais en Galicia

  • Na xuntanza estudáronse informes sobre as áreas con maior actividade incendiaria nos últimos meses e as medidas de seguimento e control desta acción delituosa

 

 

O secretario xeral do Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, presidiu esta mañá a reunión do Comité de Coordinación Policial Anti-incendios, do que forman parte representantes dos diferentes corpos e forzas de seguridade do Estado presentes en Galicia, ademais da propia Xunta. Neste órgano están integrados responsables e técnicos da Delegación do Goberno, Garda Civil, Policía Nacional, Unidade Adscrita da Policía Nacional (Policía Autonómica) e da propia Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes.

O de hoxe foi un encontro preparatorio de cara ao inicio da campaña de máximo risco de lumes forestais, que coincide co verán. Ademais, os responsables e técnicos de Medio Rural e Mar afondaron cos mandos policiais na mellora da coordinación entre os diferentes departamentos implicados nos labores de prevención, defensa e extinción dos incendios forestais na nosa Comunidade.

Na xuntanza estudáronse informes relacionados coas áreas nas que se rexistrou unha maior actividade incendiaria nos últimos meses e en particular no que vai de primavera, así como as medidas postas en marcha para o seguimento e control da acción delituosa nestas áreas.

Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais
Fíxose un seguimento do cumprimento de diferentes aspectos relacionados coa Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, moi especialmente no referido ás comunicacións e autorizacións de queima.

No hay comentarios:

Publicar un comentario