viernes, 10 de mayo de 2013

NAVA CASTRO PRESENTA NA ESTRADA A XL EDICIÓN DA FESTA DO SALMÓN, A PRIMEIRA TRAS SER DECLARADA FESTA DE INTERESE TURÍSTICO DE GALICIA

A directora de Turismo de Galicia e mais o rexedor municipal presentaron hoxe no Coto Ximonde a nova edición da festa de exaltación gastronómica que se celebrará o terceiro domingo de maio

A Estrada, 10 de maio de 2013.- A Estrada celebra o terceiro domingo deste mes a edición número corenta da súa festa do Salmón. Será a primeira vez que a festividade se celebre tras a obtención da declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, que foi aprobada hoxe polo Consello da Xunta. Así o explicou durante o acto de presentación do evento, que tivo lugar esta tarde no Coto Ximonde, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, que acompañou ao alcalde da Estrada, José López Campos na presentación do evento.

O evento principal desta festa é a Degustación Popular, que conta coa colaboración de asociacións, panaderías e restaurantes e que cada ano elaboran o salmón de xeito tradicional pero tamén innovando e creando auténticas delicatesen culinarias tendo ao “Rei do Ulla” como principal ingrediente.

A directora de Turismo destacou a gran capacidade de atracción desta festa, que congrega cada ano a miles de visitantes que descobren as exquisiteces culinarias que se poden preparar con esta variedade de peixe.

Nava Castro incidiu tamén en que este ano, Turismo de Galicia ven de recuperar a orde de axudas para as Festas de Interese Turístico de Galicia. “Dende a Administración Turística Galega consideramos que as festas que polas súas características e singularidades teñen un recoñecemento e prestixio a nivel autonómico, constitúen un recurso a manter e potenciar porque a súa celebración supón un importante reclamo de atracción turística”, explicou. Ademais dixo que este tipo de celebracións engaden importantes accións de difusión turística que constitúen “un extraordinario incentivo para as economías locais”.

A directora de Turismo comentou tamén que a Festa do Salmón é unha magnífica ocasión para coñecer a Estrada dende o punto de vista culinario. “Non en van, a gastronomía é a segunda motivación pola que os turistas visitan a nosa comunidade e a magnífica calidade dos pratos que se poden degustar nesta cita do vindeiro 19 de maio”, dixo. Tamén explicou que xa durante toda esta fin de semana e mais a que vén poderán degustarse as tapas de salmón do seu certame de tapas.

Do mesmo xeito, Castro resaltou que “o salmón é un reclamo perfecto para coñecer os recursos turísticos desta zona, todo un tesouro no que se refire a patrimonio natural, cultural e paisaxístico, con rutas turísticas e con enclaves únicos”.

O pregoeiro da festa será este ano o cirurxán infantil Ramiro Varela Cives. Ademais, serán distinguidos coa insignia Salmón de Ouro dous insignes estradenses: o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez e mais o pianista, Javier Otero Neira.

O concello da Estrada ten tamén na parroquia de Sabucedo unha festa de gran sona, a Rapa das Bestas, festa que conta xa coa declaración de Interese Turístico Internacional, que se celebra en xullo e que destaca pola súa singularidade e espectacularidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario