martes, 25 de junio de 2013

A conselleira do Medio Rural e do Mar deu conta no Parlamento do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (PLADIGA)

O AVANCE NA COORDINACIÓN, O AUMENTO DA PROFESIONALIZACIÓN E A MELLORA DA CONCIENCIACIÓN CIDADÁ, CLAVES DO PLADIGA 2013

§        Destacou a existencia dun mando único para todo o operativo, integrado por máis de 7.000 efectivos
§        Incidiu na importancia da colaboración e coordinación coas diferentes administracións, en especial a local
§        Fixo fincapé na colaboración coa sociedade civil e explicou que o Pladiga estrutúrase en plans específicos de prevención, detección, disuasión e investigación, formación e extinción

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, compareceu esta tarde no Pleno do Parlamento para dar conta do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (PLADIGA).

Segundo explicou, os tres eixos fundamentais de traballo desta planificación son os seguintes: En primeiro lugar, o avance na coordinación e apoio entre administracións, especialmente coas municipais, para o que se dispoñen máis de 19 millóns de euros. En segundo termo, o aumento na profesionalización do dispositivo, cun aumento do volume de persoal funcionario e laboral fixo e fixo discontinuo da Xunta nun 22% en relación co pasado ano. En terceiro lugar, a mellora da concienciación e disuasión mediante a aplicación de medidas punitivas firmes, da disposición de medios como a videovixilancia dos montes e da participación social na prevención.

A conselleira do Medio Rural iniciou no principal obxectivo deste plan, que pasa por reducir ao mínimo posible os danos ecolóxicos, económicos e sociais producidos polos lumes forestais, dentro dos recursos dispoñibles.

Para lograr este fin xenérico, o plan incorpora tres tipos de medios: Os propios da Xunta, os da Administración Local e os do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. Se fose preciso, o Pladiga tamén prevé a existencia de apoios puntuais de medios das comunidades autónomas fronteirizas con Galicia.

Rosa Quintana detallou os medios humanos e materiais do Pladiga 2013. Con respecto aos primeiros, indicou que o dispositivo estará composto por 5.708 persoas, reforzado por persoal do Ministerio, do Exército e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado ata completar un operativo de máis de 7.000 efectivos. En relación cos materiais, destacou que se vai contar con 32 medios aéreos e 358 motobombas, aos que se engaden cisternas, palas e outros vehículos.

Mando único
A titular de Medio Rural e Mar fixo especial fincapé na existencia dun mando único para todo este operativo, que fai que a procedencia do persoal sexa indiferente, xa que se garante unha axeitada coordinación.

En relación coa planificación e as accións contidas no Pladiga, a conselleira detallou que se estruturan en catro apartados: Plan de prevención; Plan de detección, disuasión e investigación; Plan de formación e Plan de Extinción.

Sobre o Plan de prevención, as actuacións teñen dous referentes, poboación e territorio. Canto ao primeiro, destacan accións como a regulación das autorizacións e comunicacións de queimas –prohibidas desde hoxe mesmo–, as relativas á educación ambiental, a posta en marcha dun sistema de alerta preventiva ou o endurecemento da normativa.

No tinxinte ás accións dirixidas ao territorio estarían as de compoñente produtivo e de xestión forestal, o control selectivo do combustible forestal e a construción e mantemento das infraestruturas preventivas de defensa.

Colaboración cos concellos
Tamén dentro deste eido da prevención, a conselleira incidiu na colaboración e coordinación coas diferentes administracións, en especial a local. Así, lembrou os diferentes convenios asinados cos concellos en materia de loita contra os incendios, caso dos relativos ás Ordenanzas Tipo para a xestión da biomasa en terreos de natureza urbana ou de núcleos rurais e dun modelo de Bando Municipal. Tamén, o convenio entre Xunta, Fegamp e deputacións en materia de emerxencias, para a creación e implantación dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais. Ademais, falou dos acordos coas entidades locais para a realización de tratamentos preventivos en vías e camiños de titularidade municipal ou a súa participación na prevención e defensa mediante a actuación de brigadas específicas.

Neste sentido, Rosa Quintana aclarou que a reactivación desta vía de colaboración cos concellos produciuse “tras unha amplísima petición de moitos alcaldes e alcaldesas”.

A conselleira destacou, ao tempo, as liñas de colaboración abertas coa sociedade civil e tamén as axudas e subvencións para a prevención e defensa en comunidades de montes en man común e para o fomento da silvicultura en bosques no medio rural. Destas últimas salientou que –como novidade este ano– vaise fomentar a diversificación do uso do monte mediante a achega de fondos para a plantación de soutos para a produción de castaña e recuperación de soutos tradicionais produtores de castaña.

En relación coa detección, disuasión e investigación, a titular de Medio Rural e Mar fixo referencia á novidade que supoñen diversas melloras tecnolóxicas, como o uso de cámaras térmicas ou os ensaios con cámaras que estudan a dispersión da luz entre columnas de fume e con globos aerostáticos e avións e helicópteros non tripulados.

Sobre a formación, a conselleira dixo que é unha actividade imprescindible que reforza e mellora a profesionalización do persoal e por último, no que atinxe á extinción, sinalou que estes traballos fanse de acordo cos principios de intervención rápida, acción de conxunto e concentración de esforzos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario