miércoles, 5 de junio de 2013




5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente. Nesta data e dende 1972, a ONU promove a conciencia ambiental e a reflexión sobre os problemas ecolóxicos do planeta, incidindo nas contribucións que governos e cidadanía podemos realizar para solucionalos. Mais nestes tempos de crise, son precisamente as administracións as que por activa (mediante leis moi permisivas -Plano da Minaría, Lei de Costas, etc-) ou por pasiva (conivencia ou desleixo) están contribuindo á deterioración ambiental; e a cidadanía a que terma da nosa natureza. Baixo o lema "Pensa, aliméntate, aforra" a ONU pretende que reflexionemos sobre os impactos que o desbaldimento de alimentos e o consumismo teñen sobre a biosfera. En ADEGA coidamos que alén de reflexionar hai que actuar, e por iso vimos apoiando e promovendo iniciativas de consumo e produción sustentábel como o mercado da Terra de Quilmas ou a Feira da Eira da Xoana. Ademais, nesta Semana do Smbiente ADEGA proponse sensibilizar sobre o uso masivo de plásticos na alimentación convidándoche a actuar a prol da conservación dos océanos cunha limpeza simultánea de praias. MORTE AO PLÁSTICO!

Este sábado 8 de xuño, dentro da Semana do Medio Ambiente e coincidindo co Día Mundial dos Océanos, levaremos a cabo unha limpeza simultánea de praias en máis de 20 areais dende Baiona até Burela. Serán actividades de educación e voluntariado ambiental para mudar conciencias e reivindicar políticas de reciclaxe e reutilización, dicindo non aos plásticos, á incineración e aos vertedoiros.
A maioría das cousas que usamos ou consumimos están feitas con algún material plástico, un material feito para durar sempre pero que utilizamos durante un periodo de tempo limitado, moitas veces ínfimo. A mentalidade do usar e tirar é relativamente recente, se o pensamos ben, non fai moito os recipientes da maioría dos produtos eran reutilizables (vidro, aluminio…) e duraban moito máis. Actualemnte recupérase só un 5% do plástico producido mundialmente (225 millóns de toneladas anuais). Un 50% remata en vertedoiros ou incinerado, e unha grande parte “desaparece” no medio, moitas veces nos océanos.
A contaminación por plástico é un grave problema que afecta aos ecosistemas mariños. Estes residuos causan a morte de máis dun millón de aves mariñas, e de 100.000 mamíferos mariños e tartarugas cada ano. Estes animais confunden o plástico (tapóns, bolsas, etc.) con alimento e acaban morrendo de inanición cos estómagos cheos de lixo. Outros acaban enredados nestes residuos e morren igualmente.
No océano hai plásticos que flotan e outros que afunden. A luz do sol acaba fragmentando e converténdoo en pequenas partículas que nunca desaparecen. O microplástico tamén chamado “plancto plástico” está formado por pequenas partículas que atraen substancias como DDT, PCB ou outros pesticidas daniños para a saúde, incrementando os seus niveis e polo tanto a súa perigosidade. É por iso que os pequenos plásticos no océano non son inocuos. Estas substancias altamente canceríxenas acaban pasando a cadea trófica en peixes que viven libres nos océanos, e que rematan nos nosos pratos, afectando directamente á nosa saúde.
Ante esta grave problemática ambiental dende ADEGA convidámoste a pasar á acción. O máis importante nesta loita é mudar os hábitos e reducir día a día o consumo de plástico, utilizando bolsas de tea, comprando a granel, rexeitando os produtos con varios embalaxes innecesarios, mudar as botellas de auga por cantimploras…
Cada ano celebrando o día dos océanos ADEGA convoca unha limpeza simultánea de praias en toda Galiza. Centros de ensino público, institutos, universidades, escolas de surf, centros de mergullo, asociacións culturais, colectivos ecoloxistas en máis de 20 praias en todo o litoral galego mobilizarán a grandes e pequenos/as pola defensa dos océanos.
Podes ver as limpezas convocadas e unirte a algunha ou organizar unha coa túa asociación ou grupo de amigas e amigos.
Localización: Praias de toda Galiza
Contacto: Lucía Parente, lucia@adega.info  tlf: 649 611 508
Na limpeza simultánea de praias están inscritas as seguintes entidades:

CONCELLOColectivo
PRAIA
A CoruñaADEGA-Coruña e Plataforma pola defensa da ría de Sada
Praia de Morazón
ArteixoGN Hábitat e
CEIP Salgado Torres
Praia O Reiro
BaionaConcello de baiona
Praia de Baiona
BurelaIES Perdouro
Perdouro
Carnota Raínha Lupa,
Plataforma pola defensa do Patrimonio de Quilmas e ADEGA- Costa da Morte
Corna Becerra
FeneASPANEPS
Praia de San Valentín
FerrolADEGA Ferrolterra e
Océano Surf Clube
Doniños
FisterraIES Fin do Camiño
Praia de Fisterra
LaxeIES Baio-Zas
Traba (Laxe)
MuxíaPrograma de voluntariado do concello de Muxía
Praia dos muiños
NigránPrado Surf Escola
Praia de Patos
O GroveRiders Surf School
A Lanzada
O GroveIES As Bizocas
Areal da Cruz
OleirosOficina de Medio Ambiente da UDC
Bastiagueriño
PoioPlataforma Veciñal de Samieira
Areal do Laño
Porto do SonADEGA - Nacional
Queiruga
VigoBuceo Balea
Marina Dávila
VigoVoces polo litoral de Teis
A Lagoa
Vilanova de ArousaIES A Basella
Terrón
ViveiroVan Surf School e A Estruga
Praia de viveiro

No hay comentarios:

Publicar un comentario