viernes, 7 de junio de 2013

A XUNTA APOSTA POLA SUSTENTABILIDADE DO MEDIO MARIÑO DIANTE DA CELEBRACIÓN ESTE SÁBADO DO DÍA MUNDIAL DOS OCÉANOS

§        Con este motivo, a Xunta fará pública unha Declaración Institucional na que cualifica esta data como “unha oportunidade para crear unha conciencia mundial dos desafíos aos que se enfronta a Comunidade Internacional en relación cos océanos”
§        A Consellería do Medio Rural e do Mar programou tamén para mañá –por ser día lectivo– diferentes visitas de escolares a buques do Servizo de Gardacostas en varios portos do litoral galego



Santiago, 6 de xuño de 2013.- Con motivo da celebración, pasado mañá sábado, do Día Mundial dos Océanos, a Xunta de Galicia fará pública unha Declaración Institucional na que o Goberno galego reafirma a súa aposta pola sustentabilidade en relación coa xestión dos recursos e do medio mariño.

A Xunta considera que esta designación do 8 de xuño como Día Mundial dos Océanos –que aprobou a ONU no 2008– é “unha oportunidade para crear unha conciencia mundial dos desafíos aos que se enfronta a Comunidade Internacional en relación cos océanos pois son, ademais da orixe da vida, unha fonte de alimentos e medicamentos e unha estrutura de sostén social e económico”.

A Declaración Institucional fai referencia tamén á estreita vinculación de Galicia co mar, polo que advirte que o Goberno galego “ten ante si o reto de manter a sustentabilidade dos océanos, deixándoos para as vindeiras xeracións en mellores condicións das que os atopamos, pero conseguindo ao mesmo tempo que as xentes que viven do mar poidan manter unha calidade de vida digna, pescando e procesando os produtos desa pesca, competindo co resto do mundo en igualdade de condicións”.

Tamén se fai mención explícita ao sector naval galego no sentido de reiterar “o compromiso, e xa o estamos facendo,  para desenvolver todos os procesos necesarios para que a construción naval volva a ter a puxanza que nos permitirá, unha vez máis, liderar a actividade neste sector, verdadeiro piar do desenvolvemento socioeconómico de moitas áreas da nosa costa,  devolvendo a actividade aos noso estaleiros”.

Ademais, faise alusión ás posibilidades de turismo e ocio que ofrecen as nosas costas, que se definen como “dificilmente igualables”, lembrando ao tempo que “somos a Comunidade que lidera en número as bandeiras azuis”.

A Declaración Institucional remata advertindo que “os galegos somos conscientes de que temos que apostar polos nosos océanos, porque somos un pobo que non entendería vivir sen que formasen parte do noso ser como pobo e porque, nos tempos nos que vivimos, defender o medio mariño e os sectores a el vinculados é máis que nunca unha prioridade, unha necesidade e un desexo de manter o que é noso, de defendelo e melloralo, ano a ano, na medida das nosas posibilidades”.

Actos por todo o litoral
Con motivo do Día Mundial dos Océanos, a Consellería do Medio Rural e do Mar programou unha serie de actos divulgativos dirixidos a escolares que terán lugar xa mañá –por ser día lectivo– en diferentes puntos do noso litoral.

A maior parte destas actividades consistirán en visitas guiadas para os alumnos aos barcos do Servizo de Gardacostas, que permanecerán amarrados nos portos de Sada (Sebastián de Ocampo), Vilagarcía de Arousa (Irmáns García Nodal), Cangas (Valentín Paz Andrade), Burela (Paio Gómez Chariño) e Ribeira (María do Río e Xistral).

En cada unha destas visitas os nenos estarán acompañados por persoal do Servizo de Gardacostas, estando tamén prevista a asistencia de diversas autoridades. Así, a delegada da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, estará en Cangas, e a directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), Covadonga Salgado, participará no acto de Vilagarcía de Arousa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario