viernes, 14 de junio de 2013

O DISPOSITIVO DE LOITA CONTRA OS INCENDIOS FORESTAIS SERÁ ESTE ANO SIMILAR AO DE 2012 EN CANTO A NÚMERO DE EFECTIVOS
      
§        Así o explicou no Parlamento o secretario xeral do Medio Rural e Montes, quen indicou que cambia a forma de dotación do reforzo de 275 brigadas de campaña, que pasa de encomenda de xestión Tragsa a convenios de colaboración cos concellos
§        Tomás Fernández-Couto deu conta tamén do procedemento a seguir no outorgamento das axudas á reforestación e lembrou que por parte da Xunta se está a realizar un control de calidade adicional destas subvencións, para comprobar novamente que as actuacións obxecto do investimento subvencionado están executadas

O dispositivo de loita contra os incendios forestais deste ano é similar en liñas xerais ao de 2012 en canto a número de efectivos. Cambia a forma de dotación do reforzo de 275 brigadas de campaña, que pasa de encomenda de xestión Tragsa a convenios de colaboración cos concellos. Así o explicou hoxe no Parlamento o secretario xeral do Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto.

Fernández-Couto puntualizou, ademais, que a encomenda de xestión Seaga mantense igual que no 2012, con 125 brigadas de persoal fixo-discontinuo desta empresa pública. Así pois, o reforzo de brigadas na tempada de risco alto non se realiza vía encomenda Tragsa senón a través de convenios de colaboración cos municipios.
Neste sentido, o secretario xeral lembrou que os concellos tamén teñen atribuídas competencias en materia de prevención de lumes, a teor de varias disposicións normativas, entre elas a Lei 3/2007, de 9 de abril, aprobada polo bipartito. En todo caso, advertiu que se mantén o principio de mando único nas accións de extinción –non así nos seus labores normais de desbroce–, xa que estas brigadas se integran dentro do dispositivo de extinción de incendios da Consellería do Medio Rural e do Mar.

Coordinación
Tamén en relación con este asunto, Fernández-Couto sinalou que a colaboración entre a Xunta e os municipios enmárcase no ámbito da coordinación e apoio entre administracións, que ven estipulada pola normativa vixente.

No que atinxe á campaña deste ano, o secretario xeral destacou desta colaboración os convenios para a creación e implantación dos grupos de emerxencia supramunicpiais, por un lado, e os destinados á prevención e defensa contra incendios mediante a actuación de brigadas de prevención e defensa, por outra banda.

Tomás Fernández-Couto informou tamén no Parlamento sobre a adquisición de motobombas por parte da Consellería, para reforzar os medios de loita contra o lume. Dixo que o departamento que dirixe Rosa Quintana ten previsto adquirir un mínimo de 14 motobombas, que serán cedidas a outros tantos concellos en función dunha serie de requisitos e mediante uns criterios obxectivos de baremo. Entre eles, a inclusión dos municipios en Zonas de Alto Risco, a antigüidade das súas motobombas ou a colaboración que mantiveran nos últimos anos coa Consellería en materia de prevención e defensa contra incendios forestais.

Lei cadea alimentaria
En relación coa futura lei da cadea alimentaria, o secretario xeral do Medo Rural e Montes advertiu que a Xunta foi pioneira á hora de instrumentar e cristalizar unha proposta –de acordo coas organizacións profesionais agrarias– a prol de contemplar o custe de produción como elemento básico na construción de prezos. Non obstante, advertiu que existe “un informe devastador do Tribunal da Competencia que di que establecer un prezo mínimo é ilegal” e que cómpre respectar a normativa.

Fernández-Couto reiterou que a Xunta nunca falou de acadar un prezo determinado para o leite nin se recolle no acordo coas organizacións profesionais agrarias prezo algún, xa que sería ilegal e podería ser sancionado pola Comisión Nacional da Competencia. Engadiu que o Goberno galego sempre falou de acadar un prezo por riba dos custes de produción. Neste mesmo sentido lembrou que a única vez que o bipartito falou de prezos e artellou un acordo para subilos foi no caso do mexillón e isto trouxo como resultado unha sanción de 3,9 millóns de euros, precisamente por incumprir a normativa sobre competencia.

O secretario xeral defendeu a figura do mediador –que está a impulsar a Xunta– como alternativa para incorporar no texto definitivo da lei, así como o reforzo do papel da Interprofesional Láctea na construción da cadea de valor do produto.

Axudas á forestación
Por outra parte, o secretario xeral do Medio Rural e Montes deu conta do procedemento a seguir no outorgamento das axudas á forestación. Detallou os diferentes regulamentos comunitarios e normas autonómicas que regulan estas subvencións, así coma os pasos que se seguen na súa tramitación, dende a publicación das bases ata o pagamento dos traballos executados.

Neste sentido indicou que, dos expedientes solicitados recentemente polo xulgado de Corcubión por un presunto fraude en relación coas axudas para forestación, a maior parte dos pagados (32 en total) corresponden a expedientes tramitados ao abeiro das ordes 2007 e 2008, sendo tan só 9 os pagados da orde do ano 2009. Algo semellante ocorre cos expedientes pagados das axudas para silvicultura, que foron 6 da orde do ano 2008 e 3 da do 2010.

Preguntado sobre as xestións da Xunta en relación con este asunto, Fernández-Couto lembrou que –ademais de remitir toda a documentación solicitada pola Xustiza– se está a realizar un control de calidade adicional, por persoal técnico, sobre todos estes expedientes, que previamente xa foron revisados, para comprobar novamente que as actuacións obxecto do investimento subvencionado están executadas. Engadiu que a Xunta se personou no procedemento, xa que é a primeira interesada en que se clarifique o ocorrido.

No hay comentarios:

Publicar un comentario