miércoles, 6 de julio de 2011

O DOG PUBLICA A REGULACIÓN DA PESCA PROFESIONAL DA ANGUÍA NAS AUGAS CONTINENTAIS COMPETENCIA DA COMUNIDADE GALEGA

Esta regulación faise de acordo ao plan de xestión aprobado pola Comisión Europea
O ámbito de aplicación desta norma serán augas continentais de Galicia, a excepción das
masas declaradas salmoneiras, de reo ou de especial interese para a riqueza piscícola
O período hábil para a pesca da anguía comprenderá, como máximo, nove meses ao ano e só se
 poderá autorizar a súa captura na fase do seu ciclo vital denominada “anguía amarela”

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicaba recentemente o Decreto da Consellería do Medio Rural polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais competencia da nosa Comunidade Autónoma, mediante plans de aproveitamento específicos no marco do plan de xestión aprobado pola Comisión Europea.

Os plans de aproveitamento específicos son documentos técnicos que establecen os obxectivos da explotación dos recursos, os xeitos de acadalos e o seu seguimento e control, baixo uns principios de sustentabilidade. O ámbito de aplicación desta norma serán as augas continentais da Comunidade Galega a excepción das masas declaradas salmoneiras, de reo ou de especial interese para a riqueza piscícola. 

Licenza
Para a práctica da pesca deportiva deberase estar en posesión dunha licenza de pesca da clase D, denominada licenza profesional para a pesca da anguía, angula, lamprea e especies de esteiro. Cando o exercicio da pesca requira do emprego de embarcacións, tamén será necesaria a licenza de clase E, especial para embarcacións e artefactos boiantes.


No caso de querer obter a licenza da clase D por primeira vez será preciso ser maior de idade ou menor emancipado (e non ser maior de 65 anos); non ser pensionista de xubilación, invalidez permanente absoluta ou total; e estar de alta na Seguridade Social.

Medidas de protección
O período hábil para a pesca da anguía comprenderá, como máximo, nove meses ao ano. Ademais, só se poderá autorizar a súa captura na fase do seu ciclo vital denominada “anguía amarela”, e deberanse devolver á auga, inmediatamente despois da súa captura, todos os exemplares con signos externos propios da fase chamada “anguía prateada”.

Solicitude e renovación
A tramitación dun plan de aproveitamento iniciarase por solicitude dunha asociación profesional de pescadores ou outra entidade asociativa legalmente constituída que teña por obxecto as mesmas finalidades respecto da anguía. A solicitude de iniciación –que se deberá presentar no Servizo Provincial de Conservación da Natureza competente por razón de territorio- presentarase cunha proposta de plan de aproveitamento específico para cada bacía fluvial e co modelo de anexo que ven recollido neste Decreto.

Para solicitar a súa renovación deberase facelo nos tres meses anteriores á finalización do plan de aproveitamento, sempre e cando non se pretendan modificacións no referente a incrementos do esforzo de pesca ou á modificación de zonas dentro de cada bacía fluvial. Ademais, deberase contar cos informes técnicos oportunos de Servizo Provincial de Conservación da Natureza –dependente do departamento que dirixe Samuel Juárez- e, no caso das zonas de desembocadura, un informe da Consellería do Mar.


No hay comentarios:

Publicar un comentario