lunes, 5 de septiembre de 2011

O DIARIO OFICIAL DE GALICIA PUBLICA OS PRAZOS PARA ADQUERIR OS PERMISOS DOS COUTOS DE PESCA FLUVIAL PARA A TEMPORADA 2012


 

  • As solicitudes presentadas na web da Consellería do Medio Rural chegaron ás 3.270 no ano 2011, mentres que as presentadas en papel roldaron ás 1.620
  • Este tipo de servizos a través da internet permiten axilizar os trámites, ofrecendo de xeito rápido e sinxelo os servizos solicitados polos pescadores


O DOG (Diario Oficial de Galicia) publica hoxe os prazos para a adquisición dos permisos de pesca en coutos para a temporada 2012. A Consellería do Medio Rural busca unha maior participación dos interesados a través da internet, xa que a implantación das novas tecnoloxías axiliza os trámites e ofrece dun xeito máis rápido e directo os servizos solicitados polos pescadores, permitindo a celebración dos sorteos para a concesión dos permisos de pesca nos coutos a través das solicitudes presentadas a través do sistema telemático.

Á marxe das solicitudes formuladas por escrito, poderanse presentar solicitudes telemáticas, achegando o DNI e a licenza de pesca fluvial na dirección habilitada polo departamento que dirixe Samuel Juárez na páxina web da consellería, http://www.xunta.es:444/pescafluvial. Nos últimos anos as solicitudes electrónicas víronse incrementadas notablemente, ao mesmo tempo que se reducían as solicitudes en papel. Deste xeito, no ano 2011 presentáronse un total de solicitudes, 1.624 en papel e 3.270 a través da internet, o que supón un incremento dos usuarios do modelo telemático de 607 en só un ano, o que supón un incremento dun 22,8%.



En Galicia, a demanda de permisos de pesca para coutos nos primeiros meses de cada tempada supera á oferta. Tradicionalmente, este proceso supoñía importantes molestias para os interesados, formándose longas ringleiras nas oficinas dos servizos de Conservación da Natureza, onde se celebran os sorteos. Dende hai uns anos, a Consellería do Medio Rural promove que estes sinxelos trámites non supoñan unha molestia para os interesados, incentivando o uso das novas tecnoloxías que, pouco a pouco, se van impoñendo á hora de inscribirse nos sorteos e tamén para elixir os coutos e o pago dos mesmos.
Sorteo e prazos
En cada servizo provincial de Conservación da Natureza realizarase un sorteo de salmón (permisos de coutos de salmón, con ou sen morte) e un sorteo de troita (que incluirá os permisos de troita, reo, pesca intensiva e aqueles de pesca sen morte non incluídos no anterior). A presentación das solicitudes ten como data límite o 30 de setembro. Para cada sorteo, poderán presentarse solicitudes individuais ou en grupo, cun máximo de tres solicitantes por grupo. Quen participe só poderá figurar nunha solicitude para cada un dos sorteos. As solicitudes que se presenten por duplicado figurarán como unha única, agás cando teñan por obxecto diferentes sorteos.


Os sorteos celebraranse o 10 de novembro, de xeito aberto. A solicitude que se corresponda co número extraído será a primeira en elixir e continuarase a elección por orde correlativa. A cada solicitante notificaráselle o día e mais o rango horario en que poderá escoller os permisos. Os resultados dos sorteos tamén se poderán consultar a través da internet, introducindo o DNI do solicitante na páxina web http://www.xunta.es:444/pescafluvial.


No hay comentarios:

Publicar un comentario